O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense empraza ao resto de grupos da corporación a unha xuntanza mañá xoves no Liceo

O motivo é o de tentar buscar solucións á situación de parálise e caos no que se atopa o concello.

 Entenden desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense que é preciso darlle unha solución á situación de parálise na que se atopa o concello trala rutura do pacto de goberno entre PP e DO. para os nacionalistas, os días pasan e a situación lonxe de arranxarse parece cada vez máis enquistada, ao tempo que os problemas da veciñanza van en aumento sen que atopen resposta por parte do goberno local.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estamos en tempos moi complicados, e segundo os nacionalistas, a crise económica, sanitaria e social precisa dun goberno que de respostas, que adopte medidas e que solucione problemas.

Por todo elo, e en base ao resultado obtido no pasado pleno, na moción na que o BNG solicitaba a dimisión do alcalde e a cal acadou o voto favorable de 24 dos 26 concelleiros presentes na sesión, os nacionalistas emprazan ao resto de grupos presentes na corporación a unha xuntanza mañá xoves 17 de setembro a partires das 11:00 horas na sede do Liceo, a fin de artellar unha solución á situación na que se atopa o Concello de Ourense.

A continuación, reprodúcese o texto íntegro da carta enviada esta mañá ao resto de grupos municipais presentes na corporación

A situación de caos e desgoberno que está a vivir o concello, sumado á negativa do alcalde a presentar a súa dimisión, obríganos ao conxunto das forzas políticas a tomar decisións. Non podemos pornos de perfil mirando a ver como podemos rendabilizar partidiariamente esta situación. Cómpre ter altura de miras.

Nos momentos difíciles, e este o é, cómpren decisións valentes e firmes. No pasado Pleno, 24 concelleiros e concelleiras coincidimos en pedir a dimisión do alcalde, por entender que está a ser un lastre para a gobernabilidade do concello, cos conseguintes efectos negativos que iso conleva para o conxunto da sociedade Ourensá, máxime nun contexto de crise social e económica como o actual.

Dado que o alcalde fai caso omiso á petición do Pleno, e ao clamor social na rúa, entendemos que é o momento de dar un paso adiante.

Por tal motivo, emprázote a unha reunión que terá lugar o vindeiro xoves, día 17 setembro, ás 11:00 no Liceo, para analizar a situación actual e as posibeis solucións que doten a Ourense de un goberno que lle dea estabibilidade e saque ao concello da situación de parálise na que se atopa.

 Agardando contar coa túa presenza , recibe un afectuoso saúdo.