I Congreso de termalismo Auga e Saúde

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou no acto inaugural do I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde”, que se celebra hoxe e mañá en Expourense, “a gran oportunidade que ten o termalismo no turismo de saúde na era poscovid”. Así mesmo, Baltar, na súa condición de presidente da asociación máis importante do termalismo europeo, a EHTTA -que engloba a 51 sitios termais de 18 nacionalidades-, remarcou “a importancia da colaboración público-privada para levar a cabo proxectos de termalismo en todos os seus ámbitos: servizos, infraestruturas, turismo e sanidade”, e subliñou “a condición de Ourense como a provincia termal por excelencia, que leva a cabo en colaboración coa Xunta de Galicia o plan termal, que significará un antes e un despois no desenvolvemento do termalismo na nosa provincia e que a día de hoxe está cumprido ao 80 %”. O presidente Baltar puxo de relevo o alto nivel de relatores e a idoneidade dos temas que se tratan no congreso, destacando: “A auga é vida, pero a auga termal é saúde. En termalismo falamos de benestar, de relax, de descanso e, sobre todo, das propiedades que para a saúde teñen as augas mineiro-medicinais, algo que nestes tempos cobra un protagonismo fundamental e supón unha fortaleza para os nosos territorios termais”, expresou Manuel Baltar. De feito, este I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde inclúe unha serie de xornadas técnicas que abordarán o sector do termalismo desde distintas ópticas, cun programa científico que trata o termalismo desde unha perspectiva multidisciplinar, contando coa participación de recoñecidos expertos internacionais, e ademais, prestarase especial atención á situación vivida polo sector en relación á pandemia do COVID-19, cunha serie de conferencias que expoñerán casos reais e experiencias do sector. O evento conta cun gran número de expertos internacionais e máis de 500 participantes conectados por vía telemática. Divídese bloques temáticos que versarán sobre Saúde, Hidrología médica, Turismo e experiencias de Cidades Termais. Ao longo destas dúas xornadas haberá intervencións en formato mixto (presenciais e online) e o seguimento por parte dos asistentes tamén poderá realizarse en calquera das dúas modalidades. O acto inaugural contou, ademais de Manuel Baltar, coa participación do vicepresidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda; o tenente alcalde de Concello de Ourense, Armando Follea, e a directora de Expourense, Emma González. No congreso participan 50 expertos internacionais procedentes de 9 países: Arxentina, Brasil, España, Estados Unidos, Italia, Portugal, Tailandia, Tunes e Uruguai.