A Deputación de Ourense presenta candidatura a “Plans de Sustentabilidade Turística”, baseada no termalismo rural intelixente

Manuel Baltar afirma que este programa busca apoiar “a recuperación do turismo desde unha perspectiva máis sostible, buscando aliñarse con programas como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e a Estratexia de Turismo Sostible España 2030

O proxecto busca atender as necesidades dos 14 municipios que forman a Rede Provincial de Municipios Termais: Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Ribadavia e Verín

AVANTAR ACTIVIDADES

“Este é un momento clave para o turismo e para todos os retos derivados da pandemia, polo que é necesario impulsar proxectos de reactivación económica desde unha perspectiva responsable e sostible, na que o desenvolvemento social dos territorios sexa tan importante como a satisfacción do turista”, afirma Baltar

A provincia de Ourense está traballado nun plan para participar na convocatoria do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo e que, de verse aprobada, contará tamén co cofinanciamento da Xunta de Galicia e da propia Deputación de Ourense. Un apoio que o presidente do goberno provincial valora como “de gran importancia para o sector termal da nosa provincial” destacando que este programa “busca impulsar a recuperación do turismo desde unha perspectiva máis sostible e responsable, máxime nesta etapa poscovid, buscando aliñarse con programas existentes como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS) da ONU e a Estratexia de Turismo Sostible España 2030”.

O presidente Baltar analizou coa consultora Carmen Pardo as iniciativas do plan de sustentabilidade turística, na reunión que mantiveron no Pazo Provincia. Trátase dunha convocatoria aberta a destinos pioneiros ou rurais de interior, co obxectivo de presentar propostas que permitan reactivar a actividade económica a través do turismo, “con ideas innovadoras para atraer máis clientes e con novas medidas de hixiene e seguridade, atendendo á crise provocada pola pandemia, tratando así de ofrecer destinos que cumpran as novas necesidades dos turistas”, explica Manuel Baltar.

Rede Provincial de Municipios Termais

O proxecto considera a participación de diversos actores, pois un dos seus principios máis importantes é o da cooperación, sendo liderado pola institución de dinamización económica da Deputación de Ourense, o Inorde. Ademais, caracterízase por ser unha proposta plurimunicipal na que se busca atender as necesidades de 14 municipios, sendo estes os que conforman a Rede Provincial de Municipios Termais (creada en 2019): Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Ribadavia e Verín.

Estes concellos presentan problemáticas demográficas similares, pero tamén contan cunha gran riqueza patrimonial tanto natural como cultural, facendo deste punto común unha gran oportunidade de realizar un proxecto conxunto nun contexto participativo e de esforzos coordinados.

A proposta de Ourense Termal está enfocada en destacar os recursos hidrolóxicos da rexión, facendo do termalismo o principal motor do plan e aproveitando a existencia dunha estratexia territorial que foi impulsada desde 2014 co Plan “Ourense, a provincia termal”. O obxectivo principal é desenvolver a provincia utilizando dunha forma sostible os activos termais cos que conta, promovendo investigacións que permitan valorizar os beneficios do termalismo, impulsando un estilo de vida máis saudable mediante prácticas como o sendeirismo ou actividades deportivas.

Este plan tamén propón o aproveitamento de produtos locais que poidan complementar a experiencia do turista e mellorar a súa calidade de vida, como podería ser a auga de propiedades mineromedicinales ou a dieta atlántica. A aposta pola tecnoloxía e a dixitalización é outro compoñente crucial neste plan, xa que busca desenvolver unha estratexia de intelixencia turística na que se poida obter información crave para a xestión sostible do territorio.

O plan estrutúrase en 5 eixos e conta con 27 propostas. Actuacións que contemplan son: unha pista olímpica no Miño, un programa de atracción de investimentos termais, o aumento da frota de ecobarcos tras a experiencia exitosa do primeiro e a renovación de pantaláns, unha rede de áreas termais para autocaravanas e un plan de márketing especificamente dirixido a profesionais sanitarios e empresas aseguradoras.

Recuperación de secuelas económicas poscovid

Tamén inclúe unha investigación para determinar se a recuperación de secuelas poscovid podería ser máis rápida en establecementos termais e un primeiro programa cofinanciado para os mesmos. Para traballar desde xa na captación do cliente do futuro, e en que o termalismo sexa tamén obxecto de turismo de familias, proxectáronse diferentes actuacións como unha mascota termal, e un parque termal ludico-pedagóxico ao aire libre. Finalmente, diferentes propostas enlazan tamén o termalismo cos outros grandes puntos fortes do territorio: natureza, patrimonio e viño ( DO Ribeiro e D.Ou Monterrei).

A execución deste plan está prevista para realizarse en tres anualidades, na liña do establecido pola Secretaría de Estado de Turismo, nos que o investimento total ascende a 2.990.000 € e que sería cofinanciada por cada nivel involucrado no Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Provincia Termal. Neste sentido, o 45 % correspondería á Xunta de Galicia, o 45 % a SECTUR e o 10 % a cargo da Deputación de Ourense, que asumiría tamén actuacións adicionais.

En definitiva, Manuel Baltar sostén que o plan “establece unha resposta innovadora e ambiciosa baseada en que a intelixencia turística asúmese como ferramenta clave para facer dos territorios rurais da provincia de Ourense territorios turístico-termais intelixentes e sostibles”. “Atopámonos #ante un momento clave non só para o turismo, senón para atender os retos que se presentaron derivados da pandemia do COVID-19 -sinala Baltar-, polo cal se fai necesario impulsar proxectos que axuden á reactivación económica, pero o máis importante, que se logre facelo desde unha perspectiva responsable e sostible, na que o desenvolvemento social dos territorios sexa tan importante como a satisfacción do turista”.