Acordo unánime en Celanova para que o Concello, as familias e as traballadoras participen na xestión da residencia

O BNG saúda o compromiso unánime da corporación, pide ao Padroado que modifique os estatutos e subliña que a iniciativa conta cun amplo apoio social na vila.

.- “Hoxe é un día importante porque imos acordar unha moción que deixa clara e firme a vontade do Concello de Celanova e desta corporación de axudar economicamente a mellorar e reforzar os recursos asistenciais da residencia e de colaborar no perfecto desenvolvemento da xestión desta actividade asistencial”, dixo Leopoldo Rodríguez, concelleiro do BNG de Celanova, no pleno deste xoves, seis meses despois de que un gromo de covid convertese á Residencia San Carlos na primeira residencia do país con vítimas da pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Seis meses despois, tras unhas semanas de intenso traballo político do BNG de Celanova para informar ás familias, ás traballadoras e á dirección do centro dunha iniciativa para que o Concello botase man da residencia, no pleno de onte corroborouse o acordo unánime dos grupos impulsado polas nacionalistas.

“Diante do medo e da incerteza que poden sufrir os anciáns, as familias, as traballadoras e os directivos, unidade e compromiso político, como resposta a un amplo respaldo social”, dixo Leopoldo Rodríguez.

A moción achega dous compromisos por parte da corporación municipal: unha axuda económica para que a Residencia San Carlos poida superar o impacto nas súas contas da crise da covid e empezar a adaptarse á nova normalidade, e a incorporación dos grupos políticos, das familias e das propias traballadoras ao Padroado que dirixe a residencia a través dunha fórmula que haberá de concretarse en canto os patróns accedan á modificación dos estatutos.

“O que se ofrece nesta moción, porque é unha oferta sincera e aberta de colaboración e rescate desde o público, son recursos e traballo para que a Residencia San Carlos continúe a desempeñar unha función central na vida da comunidade”, subliñou o concelleiro nacionalista.

O texto, acordado o venres da semana anterior despois de varias reunións entre os grupos, lembra que a Alcaldía do Concello de Celanova é membro nato do padroado que rexe a fundación en virtude da doazón que deu orixe ao centro, e que o propio edificio da residencia foi construído nos anos oitenta con axudas públicas deste concello e outros da contorna. E sinala que “é o momento de que o Concello de Celanova recoñeza e asuma a súa responsabilidade como parte pública da Residencia San Carlos e participe na xestión e no financiamento do centro”.

“Pídovos que corroboremos co noso voto este compromiso e, despois, animemos a quen ten que tomar a decisión última de aceptar este xeneroso e urxente ofrecemento a que o faga”, dixo Leopoldo Rodríguez antes de que as concelleiras e concelleiros validaran co seu voto o compromiso.

“Celanova e o conxunto dos seus representantes políticos están hoxe a dar un exemplo, por iso é un día importante, sinalado. Despois virán outros nos que acordar os aspectos concretos e prácticos de como se vai desenvolver este ofrecemento, mais o primeiro paso está dado. No BNG saudamos este acordo. E dou as grazas en nome do BNG de Celanova ás familias e as traballadoras por ter apoiado esta iniciativa. Ánimo para elas e forza para os seus familiares residentes”, concluíu o portavoz do BNG.

MOCIÓN CONXUNTA DOS CATRO GRUPOS DA CORPORACIÓN SOBRE A DOTACIÓN DE
FONDOS MUNICIPAIS PARA A RESIDENCIA SAN CARLOS E A AMPLIACIÓN DA
REPRESENTACIÓN DA CORPORACIÓN NO PADROADO DA MESMA.

Don José Luis Ferro Iglesias, en calidade de voceiro do Grupo Municipal do PP; don Francisco Javier Fernández Pulido, voceiro do Grupo Municipal Celanova Decide; dona Teresa Barge Dapía, voceira do Grupo Municipal do PSOE; e don Leopoldo Rodríguez Puga, voceiro do Grupo Municipal do BNG, ao abeiro da Lei de Administración Local de Galicia e
demais disposicións concordantes, presentan para debate e aprobación, se procede, a
seguinte Moción sobre a dotación de fondos municipais para a Residencia San Carlos e a
ampliación da representación da corporación no Padroado que dirixe o centro, alén da
condición do Alcalde como membro nato.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A pegada da pandemia da covid19 produciu dificultades económicas e desaxustes
orzamentarios na Residencia San Carlos de Celanova, que ven arrastrando un déficit que
podería rematar co exercicio de 2020 en números vermellos comprometendo a viabilidade
futura do centro asistencial.


Podéndose constatar que estas dificultades económicas rebaixan a calidade dos coidados e da
atención aos maiores, malia o esforzo do equipo de traballadoras e do actual padroado que
rexe a fundación. As propias traballadoras e o padroado teñen identificado as necesidades
urxentes de reforzo de persoal e materiais do centro, e esa análise é coincidente coa das
propias familias de residentes e as de expertos médicos e xerontólogos.

Tendo en conta que a Alcaldía do Concello de Celanova é membro nato do padroado que rexe
a fundación en virtude da doazón que deu orixe ao centro, e que o propio edificio da
residencia foi construído nos anos oitenta con axudas públicas deste concello e outros da
contorna, esta moción pretende que no actual contexto de crise social e asistencial, que
afecta especialmente á poboación maior e compromete a viabilidade dos centros que coidan
desta poboación, e á luz das novas esixencias de mellora dos mesmos que imporá o Goberno
na nova normalidade, é o momento de que o Concello de Celanova recoñeza e asuma a súa
responsabilidade como parte pública da Residencia San Carlos e participe na xestión e no
financiamento do centro.


Por todas estas razóns, animamos aos grupos da corporación a impulsar unha solución para a
Residencia San Carlos que se apoia nun amplo apoio social, e demandamos do Pleno
Municipal os seguintes acordos:

Instar ao Goberno municipal a que:

  1. Urxa do Padroado da Residencia San Carlos a que presente unha proposta de subvención
    en base ao estado das contas de dita entidade (memoria económica dos últimos dous anos na que se xustifiquen ingresos e gastos) para saber en que situación económica se atopa a
    Residencia San Carlos na actualidade e indicar o fin ao que irá destinado dita subvención, que se plasmará nun convenio entre o Padroado da Residencia San Carlos de Celanova (que
    deberá ser aprobado en sesión plenaria) e o Concello de Celanova.
  2. Exhorte ao padroado da Residencia San Carlos a acordar á maior brevidade posíbel a
    ampliación dos membros do mesmo que inclúa unha representación das familias de usuarias e usuarios, unha representación das traballadoras e unha representación dos grupos políticos da corporación (alén da que xa ten como membro nato a Alcaldía). A fórmula de participación dos distintos grupos políticos no Padroado será acordada polo pleno municipal atendendo á proporcionalidade do número de concelleiros electos de cada un dos partidos políticos.
  3. Propoña o día 26 de xullo (días das anciás e dos anciáns) como día de lembranza ás
    vítimas da covid19 e ás traballadoras da Residencia San Carlos e que nesa data se celebre un acto institucional con tal fin.