O BNG protestará no pleno de Ramirás pola reiterada obstrución da alcaldesa ao labor da oposición

  • Os nacionalistas denuncian as manobras de Isabel Gil (PSOE) para adiar a consulta dos expedientes da auga e da concesión dunha obra co fin de evitar que eses asuntos se debatan no pleno de mañá.
  • O BNG pediu nun escrito rexistrado esta semana que se garanta o dereito de acceso á documentación aos concelleiros no prazo establecido legalmente.

Marcos Meléndez, o portavoz do BNG de Ramirás, exixirá no pleno de mañá xoves (19.00 horas) á alcaldesa Isabel Gil (PSOE) que cese nas súas manobras para obstaculizar o labor de fiscalización da oposición adiando ou mesmo impedindo o acceso do representante do BNG á documentación referida a todo o que ten que ver coa xestión do servizo de auga, aos expedientes de adxudicación de obra pública e mesmo as facturas do gasto telefónico que asume o Concello.

Esta mesma semana, o BNG rexistrou un escrito de resposta a un decreto da Alcaldía de Ramirás a principios de mes no que trataba de limitar o acceso do concelleiro nacionalista a determinada documentación ao tempo que ameazaba con restrinxir ese acceso no futuro. Na resposta, o BNG lémbralle á alcaldesa que, segundo a lei, tendo solicitado o acceso á documentación, en caso de que no prazo de 5 días non se dite resolución denegatoria debidamente xustificada, a petición de acceso informativo entenderase concedida por silencio administrativo.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A alcaldesa ten que deixar de utilizar o aparato administrativo do Concello de Ramirás para agochar información a que temos que ter acceso Non valen decretos nin manobras para gañar tempo. Ten que cumprir a lei e punto”, advirte Marcos Meléndez, que protestará porque o labor de fiscalización da xestión de Isabel Gil en asuntos tan controvertidos como o servizo de augas ou a concesión de obra pública foi obstaculizada desde a propia alcaldía.

Atrasos para impedir que os asuntos quentes se debatan no pleno

O BNG solicitou o 4 de setembro o acceso ao expediente da obra que a empresa construtora Cruzval comezou días antes de ter rematado o concurso público de adxudicación. Un asunto que os nacionalistas seguen a estudar polas posíbeis responsabilidades legais que se poidan derivar das irregularidades constatadas. As manobras da alcaldesa adiaron a consulta do expediente até onte, día 22, é dicir, dezaoito días despois de terse solicitado e só 48 horas antes do pleno. “Tiña a clara intención de que non se tratase no pleno, mais denunciamos as irregularidades e chegaremos até o final”, sinala Marcos Meléndez.

O mesmo día, o 4 de setembro, o BNG solicitou unha nova revisión do expediente de auga dado que as analíticas rexistradas na auga para consumo humano seguían mostrando niveis de arsénico por riba dos permitidos e que a alcaldesa seguía sen dar explicacións sobre os cambios de persoal no servizo, os controis da potabilidade da auga que se trae en camións cisternas e o incremento do gasto neste transporte, que se tería incrementado en máis dun 60% este mes de setembro a respecto da media de gasto diario de 1.200 euros que recoñeceu Isabel Gil o mes anterior. Desde a Alcaldía, Isabel Gil adiou a consulta desa documentación por parte do concelleiro nacionalista tamén até onte, día 22. “Estamos peor en canto a transparencia, sufrimos máis ocultación, que na época da anterior alcaldesa, que viña directamente do franquismo. En Ramirás non só estamos preocupados pola calidade das augas ou a limpeza nas concesións, tamén empezamos a preocuparnos seriamente pola calidade da democracia”, conclúe Marcos Meléndez.