Negacionismo e represión social

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : “Negacionismo e represión social

Aos seres humanos defínesenos desde as orixes da nosa cultura, mesmo a partir do seu berce grego onde naceu, como “animais racionais”. A racionalidade representa a nosa singularidade específica que nos discrimina do resto de animais, o que non implica que todos os nosos actos sexan lóxicos xa que moitas veces resultan absolutamente irracionais. Como ben dicía o egrexio filósofo, amigo e mestre inesquecible Jesús Mosterín, “a racionalidade presupón o uso da razón, que é unha condición necesaria, pero non suficiente” (Racionalidad y acción humana, 1978). O carné de conducir permítenos pilotar un vehículo, pero non sempre nos desprazamos dun lugar a outro pilotando, senón que podemos facelo andando, en tren, en bicicleta, en avión… O mesmo nos sucede aos humanos coa razón, que podemos utilizala ou non en cada un dos momentos da nosa vida.

Ademais da racionalidade, os seres humanos gozamos das emocións, dos sentimentos, da fantasía, das sensacións…, aos que tampouco adoitamos acudir en exclusiva sempre que actuamos. A conduta humana é resultado dunha mestura e cruce de todas esas capacidades, que raramente actúan de forma particular, senón máis ben de modo solidario. Con todo, a actitude óptima da persoa ante posibles conflitos competenciais debe ser racional por ser a razón a que nos constitúe en exclusiva como humanos. A pesar de todo, non faltan ocasións nas que a nosa conduta delata a fraxilidade humana subvertendo esa orde natural en vantaxe do resto de facultades. E son demasiadas experiencias desta subversión axiolóxica as que agroman na sociedade, tanto a nivel individual como a nivel colectivo. Unha das últimas ostentacións colectivas desta subversión aparece simbolizada no movemento negacionista, que agroma como secuela da pandemia producida pola covid-19. A rebelión negacionista que se avivou nos últimos meses en España, no Reino Unido, en EEUU, en Brasil… non saiu de ningunha escola filosófica nin invalida ningunha teoría científica oficial, senón que en casos tan ben definidos representa un eclecticismo contaminado de escepticismo, de pseudociencia, de curandeirismo, de homeopatía, de charlatanismo, de política… O negacionismo do Reino Unido, de EEUU e Brasil encapsula o neoliberalismo radical dos seus dirixentes, da mesma forma que o movemento negacionista de España delata unha crítica mordaz e obstinada ao Goberno español e ás institucións sanitarias.

En que consiste o negacionsimo?

 O “negacionismo” forma parte dese grupo de palabras co sufixo “ismo” que a partir do sustantivo “negación” se transforma nunha categoría conceptual de rango superior ao sustantivo do que provén. A RAE sinala dúas acepcións para as palabras con ese sufixo: por unha banda, son sustantivos que significan doutrinas, sistemas, escolas ou movementos; e, por outra, representan actitude, tendencia e cualidade dos seres.

            Desde un enfoque intelectualmente crítico e rigoroso, considero que o negacionismo representa unha actitude de rexeitamento e de oposición ás crenzas e condutas maioritariamente admitidas pola sociedade, que soen estar amparadas pola tradición, pola ciencia ou por calquera outro criterio socialmente admitido, aínda que tales crenzas non son necesariamente garantía de verdade.  

Eu distinguiría un negacionismo forte e outro débil. O primeiro poderiámolo situar no ámbito epistemolóxico e científico porque aporta argumentos racionais en contra do statu quo tanto do método e das teorías establecidas nun momento dado como dos seus resultados. O negacionismo no sentido forte consiste en rebater e rexeitar conceptos básicos que son aceptados social e culturalmente, sempre apoiados por consenso científico. Un indubidable exemplo é o terraplanismo.

Pero ao longo da Historia déronse casos que ben puidesen ser catalagodos de negacionismo, por ir en contra das crenzas da época, e que co paso do tempo lograron transformarse en referentes científicos. Sucedeu con Aristarco de Samos, século III a. C., que se rebelou en contra do xeocentrismo -unha crenza asumida por todos os seus coetáneos e que fora avalada por Aristóteles no século anterior- ao tempo que reivindicaba o Sol como centro do universo. Algo parecido aconteceu con Galileo Galilei, século XVI-XVII, quen negou a inmobilidade da Terra ante o mesmo tribunal da Inquisición (Eppur si muove), nuns momentos en que toda Europa estaba convencida do movemento do Sol e da inmobilidade da Terra, unha idea que aínda seguía vixente na sociedade pouco despois de que Copérnico oficializara no ano 1543 o heliocentrismo no seu De revolutionibus orbium coelestium. Tamén poderiamos tildar a Paul Feyerabend de negacionista epistemolóxico, que cuestionaba o valor prioritario do método científico no seu libro Contra o método, no que establece o principio anárquico “Todo vale” para sinalar que tanto valor ten a ciencia, como a relixión, a maxia, a alquimia, a astroloxía, etc. Ao seu entender, calquera método que se utilice e que un crea nel resulta igual de válido.     

Os negacionistas fortes, que se movilizan en contra da ciencia, lanzan as súas críticas desde as pseudociencias, que foron tan dura e contundentemente criticadas por Mario Bunge ao longo da súa dilatada e portentosa vida, en especial no seu libro Las pseudociencias, ¡vaya timo! Porén, non podemos esquecer que a esencia da ciencia reside en reunir e combinar teorías, pero estas soen cambiar e resultar obsoletas co paso do tempo. Esa continxencia fainas vulnerables ao fracaso ante novos avances tecnolóxicos, ante achados inéditos, ante metodoloxías novidosas, etc., todo o cal conduce a distintas formas de interpretar a realidade. E así, de non ser polos achados de Hans Lippershey e Galileo, non existiría o telescopio a comezos do século XVII e, consecuentemente, tampouco se darían os grandes avances astronómicos desa época, pois grazas a Galileo, que o utilizou en 1609 para observar o Sol e a Lúa, descubríronse as manchas no primeiro e os cráteres na segunda. Esa observación transformou profundamente a astronomía aristotélico-ptolemaica, que imperou ata o Renacemento, para dar paso á teoría copernicana.  

En cambio, o negacionismo débil sería aplicable a calquera forma de negar as crenzas e tradicións dunha sociedade, como poden ser a relixión, a historia, a procura da saúde, o modelo político, os principios morais… Nesta interpretación, o negacionismo leva presente na historia da humanidade miles de anos, e con impactos históricos tan sorprendentes que cambiaron o devir da sociedade e da cultura. Un rápido rastrexo pola Historia sitúanos ante negacionistas como Xenófanes de Colofón, século V a. C., un dos primeiros ateos da Historia ao negar a existencia dos deuses, esa crenza tan arraigada na antigüidade e compartida por toda a sociedade grega; negacionista foi o prisioneiro liberado das súas ataduras que aparece no “Mito da caverna” de Platón, unha vez que despois de saír da cova regresa de novo onde seguen atados os seus compañeiros para explicarlles que aquilo que eles vén no fondo da parede non é a realidade, senón as sombras dos obxectos reais. A certeza que invadía a todos aqueles presos de estar vendo a realidade nas imaxes que desfilaban ante os seus ollos durante toda a súa vida levounos a ameazar de morte ao compañeiro liberado, aquel negacionista que si puido ver a realidade que pasaba detrás deles; tamén puido ser negacionista Giordano Bruno -século XVI- que, en tempos da Contrarreforma publicou o libro Do universo infinito e os mundos, en defensa dun único Universo no que existen infinitos mundos habitados por seres humanos e animais; un deses mundos é a Terra, que ten como centro o Sol, que é unha estrela máis entre millóns que hai no Universo. Esas ideas heréticas para o catolicismo levárono de cabeza á fogueira. Consideramos tamén negacionistas a todos os que negan a existencia do holocausto nazi; ou mesmo, na novela 1984 de G. Orwell, ao Ministerio da verdade (Miniver ou Minitrue), encargado de negar a historia do pasado, borrándoa para escribila de novo adaptada aos desexos do Goberno dirixido polo Partido único.  

Críticas aos “ismos”

O negacionismo, como as demais palabras co sufixo “ismo”, carga con certas críticas que o consideran reducionista e exclusivista. Un sustantivo estirado por un “ismo” ascende de rango lingüístico e pasa de ser un elemento sintáctico e semántico case desapercibido na gramática para converterse en referente esencial dunha determinada categoría intelectual. O problema dos “ismos” é a súa obsesión por subliñar ou absolutizar un aspecto da realidade en desmedro dunha visión integral, realista e harmonizadora, situándonos na presenza dunha simplificación do real. Palabras como “existencia”, “común”, “social”, “capital”, “humano”, “feminino”, etc. representan características de obxectos que configuran o mundo ou expresan actitudes e formas de ser das persoas. Pero unha vez que as alongamos co “ismo” -existencialismo, comunismo, socialismo, capitalismo, humanismo, feminismo…- convértense nun status reducionista ao que se incorpora toda a realidade coñecida. É unha forma de crear unha cosmovisión da realidade na que nos movemos, pero cun único criterio interpretativo, o cal orixina hostilidades, separatismos e enfrontamentos. Pese a todo, os seres humanos non se cansaron de inventar “ismos” de todo tipo: feudalismo, budismo, hedonismo, xudaísmo, ecoloxismo, cristianismo, ateísmo, agnosticismo, materialismo, terrorismo, marxismo … O “ismo” trascende o significado concreto do sustantivo que parasita para estender e impregnar o seu significado a toda a realidade: formas de vida, interpretacións da sociedade, visións do traballo, sentido do mundo… Os “ismos” derivan á súa vez en “ista” (existencialista, comunista, capitalista, humanista, feminista…) cando o “ismo” se aplica a entes concretos e a persoas coas que se relaciona o sustantivo sufixado en “ismo”.

Autores como Paul O’Shea ou Michael Specter consideran o negacionismo como o rexeitamento a unha realidade empiricamente verificable. Con todo, ao meu entender, esa “realidade empiricamente verificable” á que se refiren, non sempre resulta apoditicamente evidente, porque en determinadas circunstancias nin os métodos utilizados na verificación nin as súas aplicacións garanten a verdade sobre a realidade. Pensemos nos conceptos científicos relacionados coa astronomía ao longo da historia e nas súas mutables interpretacións en épocas moi decisivas. De ter por verdade indiscutible a Terra como inmóbil e centro do Universo na Antigüidade e na Idade Media, pasouse posteriormente a considerala un planeta que se move ao redor do Sol, constatando desa maneira un cambio conceptual moi radical. A percepción empírica do Sol, que se xera a través da vista, infórmanos do aparente movemento do astro rei, que non da Terra. Por iso, a verificación empírica, que precisa da percepción sensorial, ten os seus inconvenientes e os seus límites. Para comprobar nun laboratorio determinados fenómenos sobre os que tratamos de investigar as súas causas utilizamos os nosos sentidos, pero estes non sempre nos expresan a realidade, como xa dixera Descartes no Discurso do método: “se os sentidos algunha vez me enganan, por que non vou pensar que me enganan sempre”? Esa foi a razón pola que o filósofo francés rexeitou a percepción sensible como garantía de verdade. Polo tanto deixan certas dúbidas as interpretacións de O’Shea e Specter sobre a crítica ao negacionismo.

Ciencia, crenza e política

A ciencia cumpre unha función que vai máis alá de permitirnos coñecer a verdade e de saber como é e como funciona o mundo; tamén coopera coa política indicándolle tanto as decisións incorrectas como as acertadas pois as súas recomendacións derivan dunha base firme e xustifícanse por un coñecemento epistemicamente garantido. Cando as políticas fraquean respecto aos avances científicos -da xenética, da farmacoloxía, da viroloxía, da climatoloxía, da botánica…- que gardan relación con problemas sociais, é evidente que o fracaso político será ineludible. Parece obvio pensar que un coñecemento fiable da realidade como o que ofrece a ciencia ten que ser o único fundamento moralmente aceptable dunha acción planificada. O recurso político a outros fundamentos menos fidedignos e máis dubidosos -pseudociencias, tradicións, ideoloxías, ocultismo…- só pode desembocar en proxectos frustrados.

            As crenzas son fontes de acción e quen non cre nada tampouco fai nada. Os negacionistas cren -suponse!- en conceptos e actitudes diferentes do que cre a gran maioría social, por iso se manifestan en contra da maioría e actúan ao seu criterio. No negacionismo hai matices, pois atopamos negacionistas radicais, que están en contra das crenzas aceptadas socialmente -polo tanto son nihilistas- e hai negacionistas moderados, que antes de rexeitar a priori as ideas e as crenzas sobre as que pivota a convivencia na sociedade na que viven sopésanas, pero ao final rexéitanas. O negacionismo español que se leva reivindicando ao longo desta crise pandémica, ademais de inconfesables intereses que poidan esconder tras de si, acata as ideas da pseudociencia e ningunea as normas que derivan do método científico. Por ese criterio, ao mesmo tempo que a nosa racionalidade nos induce a reivindicar a ciencia, tamén nos aconsella descualificar a conduta negacionista por acientífica.  

            A apelación ás pseudociencias que reivindican os negacionistas convérteos en dogmáticos, porque as pseudociencias se caracterizan pola súa seguridade. Mentres a ciencia xera máis ciencia por estar invadida de problemas que ten que resolver, e cada solución que atopa trae consigo novos problemas, as pseudociencias resultan estériles xa que non xeran ningún problema novo ao confiar nas súas propias crenzas. Na pseudociencia non hai investigación nin se contrastan as súas propias conviccións, por iso son dogmáticas. Consecuentemente, a pseudociencia adoita ser perigosa por contaminar a cultura, a saúde, a economía, a política… pondo en risco a vida, a liberdade e a paz. Exemplos reveladores do nefasto uso das pseudociencias están presentes nun pasado próximo da política norteamericana que, invocando a euxenesia para aprobar leis que restrinxisen a inmigración de persoas consideradas “razas inferiores”, dirixiron a miles de cativos á reclusión por consideralos mentalmente débiles. Ou, tampouco se pode esquecer!, a política racial dos nazis que, utilizando a mesma premisa da euxenesia, conduciu a millóns de xudeos, eslavos e xitanos á morte ou á escravitude nos campos de concentración.

O movemento negacionista en España é insignificante, aínda que se presenta acompañado con demasiado ruído mediático. O liderado negacionista queda reducido a un pequeno elenco estelar dalgúns cantantes, actores, influencers, médicos, profesores universitarios, escritores e pequenos empresarios, todos dun perfil sociolóxico bastante ínfimo. Algo diferente a negacionistas doutros países, como D. Trump, Boris Johnson ou J. Bolsonaro, líderes estelares de EEUU, Reino Unido e Brasil. As manifestacións públicas dos negacionistas españois teatralizan sketchs desafiantes ás normas sanitarias decretadas polas autoridades gobernamentais e retan ás autoridades civís e ás forzas de seguridade do Estado, mentres estas os ameazan con elevadas e severas sancións. O seu escepticismo e oposición ás normas sanitarias, que teoricamente están para garantir unha “nova normalidade”, xustifícano no desacertado enfoque co que o Goberno tenta solucionar o problema sanitario nos momentos críticos da covid-19. Os negacionistas censuran as vacilacións e vaivéns das autoridades sanitarias por actuar con falta de transparencia respecto ao número de vítimas mortais e ao número de contaxios no país; por demostrar inseguridade lanzando proclamas e simultaneamente contraproclamas; por delatar fraude institucional coa farsa de que as súas decisións sobre medidas preventivas proviñan dun inexistente comité de expertos. Esa percepción política, unida ás informacións de prestixiosos científicos -moitas veces contradictorias-, as mensaxes opacas da OMS, as terapias de tanteo e de ensaio-erro que se aplicaban en centros hospitalarios, a controversia respecto á orixe do coronavirus (natural ou creado en laboratorio…?) xeraron demasiadas dúbidas na sociedade e xustificaban en certa maneira non só o escepticismo social, senón que lle daba pulo aos negacionistas para reivindicar as súas actitudes e ampliar as súas listas de afiliados.  

Hai negacionistas que simplemente se opoñen ás normas promulgadas polas autoridades sanitarias, como levar máscara, prohibir reunións multitudinarias, limitar celebracións de actos sociais (vodas, funerais, festas, bailes…), impidir fumar ao aire libre, gardar a distancia física…Hai outros que se opoñen á eficacia das vacinas, negan a existencia da pandemia e mesmo do coronavirus ou de que este sexa a causa da elevada letalidade. En todo caso, ambos grupos actúan de forma sincronizada e coa mesma estratexia.          

Os negacionista atopan alternativa ás normas sanitarias nas pseudociencias, que defenden e pregonan en todos os seus modos de proceder. As súas terapias alternativas ás científicas están na homeopatía, no curandeirismo anacrónico e primitivo, na maxia, nas beberaxes, no clorito de sodio e auga, na lexivia…

            Pero fronte a ese modo de ser e de actuar negacionista está a maioría dos cidadáns, que actuamos obedecendo e cumprindo as normas, confiando na ciencia e utilizándoa, buscando solucións á pandemia na medicina e nos criterios sanitarios que os expertos nos indican. Por tales motivos usamos a máscara, gardamos a distancia social, non asistimos a reuniones masivas, non nos abrazamos nin nos bicamos para saudarnos, os fumadores non fuman nin sequera en espazos públicos cando non poden cumprir a distacia física con outras persoas… E actuamos así non porque nos agrade, senón por pensar de forma racional como esixe a nosa natureza. Incluso podemos afirmar que ao facelo nos estamos reprimindo. A nosa forma racional de actuar condénanos á represión, algo do que se liberan os negacionistas.

            Esa situación dicotómica á que nos enfrontamos os cidadáns, de obedecer as normas -principio de realidade- ou de inculcalas -principio de pracer-, establece a diferenza entre os negacionistas e os bos cidadáns, non os cidadáns bos. Desde unha visión psicanalítica, os bos cidadáns convertémonos nesta situación de respecto ás normas en persoas reprimidas por non portarnos como nos gusta (prescindir das máscaras, bicarse, abrazarse, asistir a concertos e grandes eventos…); en cambio, os negacionistas considéranse persoas emancipadas que satisfán os seus caprichos e non se doman ante o super-ego das autoridades gobernamentais, ás que converten na súa propia catexe liberadora. Os negacionistas estarían, pois, exentos de todo tipo de neurose, esa patoloxía que aparece como consecuencia da represión, en clave psicanalítica, e á que seriamos proclives o resto dos cidadáns.

A presenza dos negacionistas no centro do debate nestes momentos ben puidese ser, xa que logo, unha metáfora da nosa sociedade exasperada e desgarrada por tantas intrigas políticas, por tanta desorganización e caos sanitario, por excesivos enigmas científicos e, sobre todo, por tanto sufrimento físico e psicolóxico. O papel deses activistas negacionistas sería o dun pequeno furuncho polo que supura o pus do malestar cidadán que se foi acumulando ao longo destes últimos meses de confinamento, de desescalada e dos novos gromos de contaxio. En clave psicanalítica, o negacionismo sería a válvula de escape sociolóxica dunha represión social, inconsciente, pero traumática; unha billa pola que supura a enerxía represora do tecido social para salvarnos dunha neurose colectiva.  

Inconscientemente, a cada un de nós gustaríamos actuar como os negacionistas e manifestar nestes momentos de cansazo a nosa saciedade de tanto compromiso; de aí a nosa ambivalencia. Por un lado, no noso interior emocional, solidarizámonos con eles e incluso os aplaudimos; por outro, na nosa singularidade racional, rexeitamos os seus métodos e criticamos a súa conduta porque nos decatamos que poñen en perigo a saúde de todas as persoas, incluso a súa, e a nosa propia vida. Polo tanto, a conduta negacionista sería a expresión pública dun desexo oculto que todos quixeramos satisfacer pero que, ante o compromiso coa nosa razón, o que Freud denominaba o “malestar na cultura”, ao final claudicamos.

Con todo, non nos esquezamos de vixiar a represión social que nos ata ao deber e que pode derivar en neuroses colectivas indutoras de traxedias en forma de suicidios, homicidios, Alzheimer, amnesias, malos tratos familiares, abandonos de traballo e outras moitas anomalías e situacións morbosas. Hai que buscar outras válvulas psíquicas polas que supure toda esa pezoña tóxica que nos invade como colectividade.

Enchamos, pois, a nosa mochila para esta longa viaxe abastecéndonos con toneladas de resiliencia e de optimismo para chegar indemnes á meta despois de tantos atrancos no camiño polo que estamos circulando con moita suor e tanta fatiga.     

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.