Celanova exixirá á Mancomunidade que ofreza axudas directas ás dependentes

  • O BNG saca adiante unha iniciativa para que o Concello de Celanova inste o ente supramunicipal a redistribuír o gasto en servizos sociais para que as e os maiores que non teñan ingresos elevados e non dispoñan de outro tipo de axudas públicas non fiquen excluídos do centro de día.
  • Como medida urxente, as nacionalistas propoñen ademais que se inste á Xunta a dotar a comarca de prazas subvencionadas de centro de día.

Para atallar a exclusión social e asistencial das maiores e dos maiores con menos recursos, o BNG de Celanova impulsou no pleno do pasado mércores en Celanova unha iniciativa para que desde os servizos sociais de proximidade se corrixan as eivas na atención que se lles presta na comarca a través dos centros de día. As nacionalistas conseguiron a unanimidade do pleno para comprometer ao goberno municipal en dúas accións urxentes.

Por un lado, o Concello de Celanova comprometeuse a exixir da Mancomunidade Terra de Celanova, á que achega anualmente 150.000 euros para o gasto en servizos sociais, a que destine unha parte deses cartos a “axudas directas a aqueles maiores da comarca que asistindo a un centro de día privado e non tendo uns ingresos elevados non conten con outro tipo de axudas públicas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A comarca da Terra de Celanova non conta cun centro de día público e temos as pensións medias máis baixas da Galiza: apenas 630 euros. Así que nos queda o recurso á Lei de Dependencia, mais Ourense é a provincia galega onde a aplicación da lei é máis lenta e as valoracións sofren máis atrancos”, expuxo o concelleiro do BNG, Leopoldo Rodríguez. E indicou: “Nestas condicións, acceder a un centro de día privado, o único que hai en Celanova, é para moitos un imposíbel”.

O BNG segue reclamando centros de día públicos e en condicións de acceso universal, mais mentres a política da Xunta de Galiza segue sen responder a esa demanda social, as nacionalistas comprometeron Concello de Celanova na reclamación diante do goberno galego de “axilizar os trámites das solicitudes de dependencias, axustándose ao tempo establecido na lexislación vixente” e que se dote a comarca “de prazas de centro de día subvencionadas, de modo que facilite o acceso da poboación a este tipo de servizo na propia contorna”.

A moción foi acordada por unanimidade despois dunha achega do grupo popular e o BNG insistiu á Alcaldía a que leve este acordo ao próximo pleno da Mancomunidade.

Retirada de carteis, rotonda na entrada a Celanova desde a autovía e queixa á Valedora desde a aldea de Quintairos.

Carteis. Na quenda de rogos e preguntas, Leopoldo Rodríguez trasladou o pleno a petición de veciñas do Areal da retirada de carteis públicos de obras xa rematadas e que afean a rúa. Tamén sinalou o portavoz nacionalista carteis institucionais superfluos na área do parque infantil das Trigueirizas.

Rotonda. Diante do inicio das obras na rotonda de entrada á vila desde a autovía, Rodríguez preguntou o alcalde sobre o investimento e a finalidade da obra. O alcalde dixo non lembrar o gasto e dixo que a obra se acordou en decembro pasado e que o obxecto está no proxecto. O BNG solicitará o acceso o expediente nos próximos días.

Queixa en Quintairos. O BNG tamén se interesou pola actuación do Concello e pola tramitación da resposta respecto dunha queixa á Valedora do Pobo dun veciño da aldea de Quintairos “por posíbel contaminación de pozos de auga para consumo humano” polos vertidos doutras casas situadas en cota superior. O alcalde dixo que xa se acometeu unha obra para corrixir o problema e que “técnicos municipais” están elaborando á resposta á Valedora.

Por último, o alcalde anunciou no pleno que as Escolas Deportivas non terán actividade durante o último trimestre do ano pola situación sanitaria. O BNG esperará que o goberno municipal informe á veciñanza desta situación para valorar a situación do servizo e analizar posíbeis alternativas á actividade deportiva dentro do contexto da covid19.