Gabriel Alén clausura os cursos do programa de catas de aceite de oliva extra organizados pola Xunta no concello de Arnoia

  • O delegado territorial da Xunta de Ourense subliñou que o obxectivo dos tres cursos de iniciación, perfeccionamento e avanzado foi afianzar este sector emerxente na nosa comunidade
  • A acción, na que colaborou a Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia, está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro,  participou na clausura dos tres cursos de formación de catas de aceite de oliva virxe extra (AOVE) que se desenvolveron durante o mes de setembro no municipio ourensán da Arnoia, organizados pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Gabriel Alén explicou que o  obxectivo destas sesións de cata foi a formación de profesionais do sector coa expectativa de que xurda algún experto catador que seguirá recibindo formación e así algún día poder formar un panel de cata de AOVES en Galicia. “Búscase tamén afianzar este sector emerxente na nosa comunidade, posto que é moi importante para o asentamento e mellora do rural galego”, indicou o delegado territorial. Neste senso, cómpre sinalar que, a día de hoxe, hai arredor de 164 hectáreas plantadas cun total de 180.000 oliveiras en Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estes tres cursos de iniciación, perfeccionamento e avanzado tiveron lugar durante as fines de semana de setembro na antiga cooperativa do pemento deste concello. O técnico encargado de impartilos foi o xienense Ramón Pulgar, experto en oleicultura e catador recoñecido polo Consejo Oleícola Internacional. Cada un dos tres cursos tivo unha duración total de 8 horas, en horario de mañá e tarde, dirixidos principalmente a agricultores que teñen ou están plantando oliveiras.

En canto ao temario, no caso do curso de iniciación, que foi o primeiro en celebrarse o día 12 de setembro,  se abordaron cuestións como os conceptos básicos na cata de aceites, clasificacións comerciais, fases olfativa, gustativa e táctil; así como as características sensoriais e o vocabulario básico. O curso rematou cunha sesión de cata demostrativa.

No caso do curso de perfeccionamento, que se desenvolveu o día 19 de setembro, os participantes traballaron na análise sensorial do aceite de oliva virxe extra segundo o Consejo Oleícola Internacional e os paneis de cata oficiais. Tamén se tratou a composición química do aceite, atributos e entrenamento con patróns. De novo, o curso finalizou cunha sesión de cata demostrativa.

Finalmente, hoxe tivo lugar o curso de nivel avanzado no que se abordou as características organolépticas dos AOVEs mediante un taller dos sentidos, analizáronse os elementos determinantes na calidade deste produto e os seus atributos positivos, ademais da elaboración dunha ficha final e unha sesión de cata demostrativa.

Estes cursos están integrados no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, segundo indicou o representante do Goberno galego na provincia de Ourense, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.