Nota do Psdeg-Psoe sobre a Deputación

Baltar e o deputado díscolo de DO impiden que a Deputación axude aos concellos a frear a expansión do coronavirus nos centros educativos de ourense

Aurentino Alonso denunciou que “se ninguén nos axuda, algún concello vaino pasar moi mal” pola falta de recursos económicos e “os colexios van a ter moitas dificultades para rematar o curso”

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén tumbaron a creación dunha tarxeta moza e un Consello Provincial de Xuventude e pesar de que o deputado, Diego Fernández, pediu “vontade, compromiso e altura de miras” a todos os grupos

O Goberno do PP de Manuel Baltar na Deputación de Ourense e o deputado díscolo de DO, Miguel Caride, impediron hoxe que a institución provincial axude aos concellos a frear a expansión do coronavirus nos centros educativos, ao votar en contra dunha iniciativa socialista que reclamaba apoio económico para as novas tarefas de limpeza e prevención que están a asumir soas as entidades locais.

O deputado, Aurentino Alonso, salientou que “outras deputacións de España xa botaron unha man aos concellos” polo que non comprende “a negativa” a sumarse a esta “demanda tan necesaria”. “Se ninguén nos axuda, algún concello vaino pasar moi mal e os colexios van a ter moitas dificultades para rematar o curso”, proclamou. O deputado asegurou que os centros escolares de primaria e secundaria “continúan con importantes problemas de persoal”, situación que exemplificou a través do instituto no que exerce: “no instituto no que eu traballo non se contratou nin un só profesor extra” e “a Xunta negouse a contratar nin unha hora máis de limpeza”.

Ao respecto dos gastos extra, Alonso puxo como exemplo o Concello do Barco, con tres centros de ensino de educación primaria, onde houbo que contratar persoal para a limpeza catro horas ao día; persoal extra de apoio para gardas de comedores; mercar pantallas protectoras, dispensadores de xel e papeleiras en importantes cantidades, entre outras accións imprevistas. “Os tres trimestres deste curso gastaremos máis de 72.000 euros nestes extras só no meu concello” que son “gastos impropios”, advertiu, unha cantidade “que moitos municipios non poden asumir”. “A Xunta xirou algo o timón nas últimas semanas pero aínda ten que facer un esforzo moito maior para darlle solucións aos colexios”, concluíu.

A iniciativa rexeitada reclamaba “apoio económico urxente” ante “o incremento dos gastos de persoal, material e desinfección”, reiterando unha petición xa incluída nas medidas propostas polos socialistas en marzo e, posteriormente, nunha moción en maio. Tamén instaba á Xunta a reunirse co profesorado e familias, para acadar un protocolo consensuado; a dotar aos centros do persoal, profesorado e infraestruturas suficientes; a reunirse coa Fegamp; ou a garantir o funcionamento de comedores e transportes escolares en boas condicións.

No ámbito económico, a iniciativa reclama que o goberno galego habilite fondos extraordinarios e tramite modificacións orzamentarias, para sufragar os incrementos dos custes derivados que deben asumir centros educativos, familias e concellos. Así mesmo esixen que os fondos extraordinarios transferidos polo Goberno de España se negocien de maneira transparente con todos os sectores afectados.

Apoio á mocidade

O PSdeG-PSOE tamén impulsou no pleno ordinario de setembro a creación dunha tarxeta moza e dun Consello da Xuventude na Deputación de Ourense, tras “décadas negras de abandono da mocidade por parte do PP”. Os populares e o deputado díscolo de DO, Miguel Caride, votaron en contra dunha proposta evidenciando un “vergoñento desleixo” e un “absoluto desprezo” coa mocidade á que a deputación “nunca lle adicou nin un minuto”, recalcan os socialistas.

O deputado, Diego Fernández, aseverou que é preciso “dotarnos de ferramentas que permitan que a xuventude poida ser o motor do futuro e que permitan voltar aos que marcharon”. “Esta proposta ten un custe moi pequeno fronte a grandes beneficios que pode reportar”, polo que pediu “vontade, compromiso e altura de miras” a todos os grupos políticos da corporación porque “temos un futuro moi negro que debemos reverter entre todos”. O deputado recordou que “non hai ningún tipo de política na Xunta coa xuventude” e denunciou o “desleixo co carné xove” que está “totalmente desactualizado” e “casi valeiro de contido”.

Esta iniciativa provincial impulsada conxuntamente coas Xuventudes Socialistas de Ourense, reclamaba crear esta ‘tarxeta moza’, para que as persoas de 14 a 26 anos residentes na provincia (estudantes de fóra residentes incluídos), poidan desfrutar de vantaxes no comercio local, cultura, ocio, espazos deportivos, servizos prestados polas entidades locais, taxas e impostos ou transporte público.

Así mesmo, Fernández defendeu o “evidente abandono” deste goberno provincial das súas responsabilidades e cuestionou o absurdo desenvolvemento real das poucas accións en materia de xuventude que executa a Deputación dos conservadores, o que evidenciou mostrando imaxes dunha excursión de adultos ás festas de San Froilán en Lugo, sufragada con fondos públicos que a institución provincial trasladou ao Concello da Peroxa para o seu investimento en accións mozas.

A iniciativa do PSdeG-PSOE tamén instaba á Deputación á constitución dun ‘Consello Provincial de Xuventude’, que colabore no desenvolvemento de políticas de mocidade, onde se teñan en conta as súas preferencias e que garanta a continuidade das actividades propias para este colectivo, xa que na actualidade non existe ningún órgano mozo, nin oficial nin extraoficial, de participación.