Baltar cesa a Ojea “por perda de confianza” e nomea a Miguel Caride vicepresidente segundo da Deputación

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Miguel Caride Domínguez (Deputado proviincal de Democracia Ourensana).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou esta mañá o decreto de cese do deputado Armando Ojea como vicepresidente segundo da institución provincial “por perda de confianza”, nomeando no seu lugar ao deputado Miguel Caride. Baltar valora que despois das ausencias de Armando Ojea “nas últimas xuntas de goberno e, fundamentalmente, logo do voto en contra dos orzamentos o pasado venres, 25 de setembro, reuninme co voceiro do grupo político de Democracia Ourensana na Deputación para facerlle ver que esa perda de confianza levaba consigo o cese de Armando Ojea como vicepresidente segundo da institución”. Neste sentido, o presidente do goberno provincial expresoulle a Caride que o pacto de goberno “está absolutamente vixente nesta institución”, e que “corresponde ao grupo de Democracia Ourensana propoñer outro nome para ese cargo”, neste caso, “o deputado de Democracia Ourensana José Miguel Caride, quen desde hoxe nomeei vicepresidente segundo e incorporei á Xunta de Goberno da Deputación de Ourense”, explicou Manuel Baltar.