O Coronavirus afecta á Lingua

Eladino Cabanelas Fernández :

Deseñador gráfico

AVANTAR ACTIVIDADES

Responsábel da marca de deseño galego OZOCOgz

Ex-responsábel d’A Mesa pola Normalización Lingüística O Carballiño / Ribeiro

Artigo : ” O Coronavirus afecta á Lingua

Que ninguén se preocupe pola súa saúde, nada máis lonxe da miña intención que alarmar máis aínda sobre as consecuencias que para a saúde ten a tan temida Covid-19. A lingua á que afecta esta doenza non é a que temos na nosa cavidade bucal senón a que empregamos a diario para comunicarnos, o idioma, a fala. Esta infección -aquí si hai coincidencia coa infección vírica- pega máis duro a pacientes con patoloxías previas, ou sexa, falando de linguas, á lingua galega, afectada dende hai tempo por numerosos males que a teñen continuamente ás portas de ingresar na UCI idiomática.

Podería, mais non quero hoxe, escribir sobre o menosprezo do propio Presidente da Xunta face a súa propia lingua (a deste señor si que está comatosa!). Lembrarédelo, aló pola primavera, nos seus discursos durante o confinamento, empregando a lingua de Cervantes para falarnos institucionalmente -a nós, ás galegas e aos galegos- do virus e de como afectaba daquela ao noso País, como se o galego, mais unha vez non nos servise para falarmos de ciencia ou de medicina, os tópicos de sempre, as teimas de sempre, o Feijóo de sempre. Quen debería ser o valedor, o primeiro encargado de cumprir co mandado no Estatuto de Galiza, quen debería ser un exemplo de defensa da nosa cultura e da nosa lingua é, sen dúbidas, o primeiro en desprezala e maltratala (todas e todos sabemos como fala… ou como quere ou lle interesa falar).

Hoxe imos esquecernos de tan ilustre persoeiro porque do que quero escribir é sobre como afecta/infecta ao noso idioma a presenza desta nova enfermidade, sobre -e seguindo un símil médico-  os síntomas e, o máis importante, o que podemos facer para palialos e devolver, parte da saúde perdida após ser vítimas deste maldito andazo a nivel mundial. Por tanto, comecemos a auscultación.

Froito de recibir información sobre esta crise, maiormente, por medios de comunicación españois como a televisión, as radios ou os xornais, son moitos os castelanismos que se van introducindo paseniño, mais con moita forza, no galego. Calquera de nós, á hora de trasladar esa información na nosa lingua, á falla de referencias propias en moitos casos, acabamos empregando os termos tal e como os recibimos, na lingua na que nos foi transmitida.

O primeiro que me ven á mente é a palabra “cuarentena”, debemos empregar sempre corentena posto que ven de corenta, a forma na que galegos e galegas dámos nome ao conxunto de catro decenas. Outro dos erros máis correntes é o de “mascarilla”, a forma que debemos usar é a de máscara. Hai quen di que “mascarilla” tamén o din en portugués para defenderen o uso desta palabra, mais isto é outro erro; no portugués, certo, tamén existe a palabra “mascarilha” porén non para referírense á tea protectora contra das infeccións senón a unha máscara pequena que cobre só os ollos e parte do nariz, ou sexa un antiface. E falando de nariz, non debemos esquecer que é unha palabra de xénero masculino, o nariz e non “a nariz”.

Quen estamos a ter a sorte de irnos librando de sufrir a enfermidade -fagamos a figa- imos sabendo, a forza de repetírsenos, dos síntomas que, normalmente, van asociados a esta; febre alta –e non “fiebre”- xunto con problemas respiratorios e outros comúns a males máis coñecidos como o arrefriado –que non “resfriado”- ou catarro, ou mesmo da gripe. Saber isto provoca na maioría de nós certo temor ao escoitarmos ou vermos como alguén preto nosa tose e/ou espirra. Emprego este exemplo para lembrar estes dous verbos e evitarmos o uso dos castelanismos “toser” e “estornudar”. O primeiro dos verbos, tusir, ten alternancia vocálica, a diferenza do castelán, por tanto varía na segunda e na terceira persoa do singular, e na terceira do plural no presente de indicativo (eu tuso, ti toses, el  tose, nos tusimos, vos tusides, el@s tosen); por suposto, o resto dos tempos verbais sempre comezan por tus- . Por certo o que provoca o tusir é tose, non “tos”. En canto ao segundo verbo que mencionei, “estornudar”, debemos evitalo sempre, é forma exclusiva do castelán. No galego temos formas propias como espirrar ou esbirrar, sendo un espirro ou esbirro o froito desas accións, xamais un “estornudo” de querermos expresarnos correctamente na nosa lingua.

Falando disto, o persoal sanitario aconséllanos que cando teñamos necesidade de espirrar o fagamos na parte interna da articulación do cóbado (quenon “codo”). Sabiades que na nosa lingua esa parte do brazo ten nome? Pois si, chámase sangradoiro e ten a ver coa zona por onde se fan as transfusións ou antigamente por onde se lles facían as sangrías aos pacientes.

O coronavirus ten lugar de nacemento, segundo nos din veu da China. Aproveito a información para explicar que en galego A China leva sempre artigo e este é feminino; ou sexa hai que dicir veu da China e non “veu de China”, exactamente o mesmo que cando falamos do Carballiño, son topónimos con artigo e, por tanto, contraen ao falarmos como se se tratase dun substantivo común. Claro que, se me permitides a brincadeira, non teño moi claro se o virus veu ou nolo trouxeron. Falando da China, os habitantes e as cousas provenientes deste país oriental son chineses e chinesas, nin “chinos” nin “chinas”.

Até aquí para non estendernos de máis. A diagnose está feita, temos moitos síntomas do coronavirus no galego mais, de seguirdes/seguirmos coa medicación destes conselliños “sanitario-lingüísticos”, imos ter todas e todos mellor saúde na nosa lingua; imos sandar axiña (“sanar é un castelanismo), ou sexa, imos ficar sans e sás.

Moito ánimo!

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Eladino Cabanelas Fernández :

Día das Letras Galegas, “dano colateral”

O “autoodio” do galego