O Psdeg-Psoe de Lobios reclámalle ao concello que lle esixa á Xunta a realización de probas pcr por todos os establecementos do municipio e non só na capital

Os socialistas denuncian tamén a ausencia total de medidas de desinfección en beirarrúas e entradas de negocios desde os meses de confinamento e solicitan que de forma urxente se proceda a desinfectar con asiduidade establecementos e rúas

O concelleiro socialista, David Fernández, critica a “falta de iniciativa” por parte da alcaldesa do PP e acúsaa de “non exixirlle a Xunta máis probas PCR nun concello que presenta numerosos contaxios”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Lobios reclámalle o grupo de goberno do Partido Popular no Concello que lle esixa á Xunta a realización de probas PCR a todos os establecementos do municipio. Os socialistas denuncian que estas probas tan só se realizaron en varios negocios da capital do Concello “e nin sequera en todos” e solicitan polo tanto que se dea constancia a Sanidade para realizar probas no resto de núcleos poboacionais do municipio que contan con establecementos, tendas ou negocios.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican a “inacción” da alcaldesa, a que acusan de non “pelexar pola saúde da veciñanza” o non esixirlle á Xunta un maior número de probas PCR por todo o municipio. Os socialistas consideran que a escusa posta pola alcaldesa que se remite a que quen marca os criterios é Sanidade “é unha mostra de que non se vai mobilizar por ampliar o cribado dos tests”. O concelleiro socialista David Fernández critica a “falta de iniciativa” da rexedora e pídelle que “se mova para lograr que a Xunta realice máis probas PCR”. Fernández alega que a situación na Baixa Limia “é grave” e o número de contaxios segue aumentando e explica tamén que “xa son varios os negocios que tiveron que pechar por mor de contaxios”.

Ante esta situación de peche de varios negocios por coronavirus, os socialistas consideran “urxente” a ampliación de probas PCR a todos os negocios e establecementos do municipio debido “o alto risco de que haxa novos infectados” e remarcan a gravidade da situación no concello. Unha tesitura que para o concelleiro do PSdeG de Lobios implica “mobilización por parte das autoridades locais para frear a curva e pór solución a posibles futuros contaxios”.

David Fernández afirma que “non pode ser que teñamos traballadores de primeira e de segunda” en relación o cribado selectivo levado a cabo por Sanidade e “máis aínda cando son varios os negocios pechados por contaxios, xa que entendemos que podería haber máis casos por todo o municipio e o Concello debe esixirlle á Xunta que poña as medidas necesarias para evitalos”, explica o socialista.

Desinfección de rúas e entradas de negocios

O PSdeG de Lobios tamén informa que dende o confinamento, hai xa algúns meses, o Concello “deixou de realizar as tarefas de desinfección de rúas, beirarrúas e entradas de negocios e comercios no municipio”. Consideran que dada a gravidade da situación “é urxente que se tomen medidas de desinfección por todo Lobios”. “Non é de recibo que coa situación actual e o risco da segunda onda de contaxios que estamos a vivir o Concello non desinfecte correctamente os espazos públicos, que son un dos focos principais de risco”, apunta Fernández.

Os socialistas xa lle trasladaron a súa preocupación a alcaldesa pola situación actual que vive Lobios e agardan que as súas reclamacións “non rematen en saco roto, como acontece con asiduidade no noso municipio”.