O Psdeg-Psoe de Ourense destaca o compromiso do goberno central coa provincia trala inclusión da Ribeira Sacra como destino turístico sostible pondo en valor esta xoia

Os socialistas apostan pola modernización, desenvolvemento, promoción e comercialización de produtos da zona nun plan que contará cun orzamento de 2 millóns de euros

Adolfo Pérez Abellás, voceiro da Comisión de Industria, Comercio e Turismo subliña que esta iniciativa “beneficiará de xeito directo a 12 concellos da provincia” e “reactivará o turismo en Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o compromiso do Goberno central, encabezado polo PSOE, coa provincia de Ourense trala inclusión da Ribeira Sacra como destino turístico sostible, dentro dun plan estatal que ten como obxectivos a modernización da oferta en destinos pioneiros e activar as comarcas da España Interior. Para elo, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en contacto con Comunidades Autónomas e entidades locais acordou dedicar 58,8 millóns de euros en 25 destinos turísticos, entre os que se atopa a Ribeira Sacra.

A candidata a Patrimonio Mundial contará cun plan orientado a estruturar un conxunto de actuacións que, enmarcadas nas liñas da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, permitan garantir a sostenibilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación como destino turístico. “Un dos principais obxectivos do plan é a inclusión da Ribeira Sacra no Club de Produto Rutas do Viño de España”, explica o deputado e voceiro da comisión de industria, comercio e turismo, Adolfo Pérez Abellás, que apunta tamén que outros dos obxectivos son “o desenvolvemento, a promoción e a comercialización de novos produtos turísticos, diversificando a oferta do destino e xerando novas oportunidades de emprego e riqueza”. O plan contará cun orzamento de 2 millóns de euros.

O deputado socialista, Pérez Abellás, subliña que esta iniciativa “beneficiará de xeito directo a 25 concellos que compoñen a Ribeira Sacra, 12 de eles da provincia de Ourense” e destaca que se trata “dun proxecto ambicioso e que permitirá a reactivación do turismo na nosa provincia convertendo a unha xoia paisaxística como é a Ribeira Sacra, nun dos centros turísticos da provincia, dándolle o valor que merece e permitindo aos concellos crecer, desenvolver a súa economía e captar novos visitantes, dando opción a frear o despoboamento coa creación de novos postos de traballo que atraian poboación”. Os concellos ourensáns beneficiados deste plan son A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Xunqueira de Espadañedo, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Manzaneda e Chandrexa de Queixa.

O investimento canalizarase a través da firma de convenios subscritos entre o Goberno, a Comunidade Autónoma e as entidades locais beneficiarias de tal maneira que o tres partes participarán no financiamento dos proxectos ao longo de tres anos. A achega da Secretaría de Estado de Turismo ascende a 22,37 millóns de euros que se desembolsarán no primeiro exercicio, con cargo aos actuais Orzamentos Xerais do Estado. O resto do montante previsto até os 58,8 millóns de euros asumirano as Comunidades Autónomas e entidades locais.