O Premio “Xacobeo” recae sobre Paula Cons e a súa longametraxe La isla de las mentiras

Anuncio do fallo do xurado do OUFF 2020 no Premio “Xacobeo”. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense), Anxo Lorenzo Suárez (Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia), Miguel Anxo Fernández Fernández (Director artístico do OUFF), Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense) e acompañado por Ignacio Benedeti (Director de Cinema).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto no que se deu a coñecer a película gañadora do I Premio “Xacobeo” que este galardón “afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego”, cun premio que é “unha homenaxe ao carácter, talante e valentía das mulleres galegas, como se reflicte na película gañadora, La isla de las mentiras, de Paula Cons”, de quen destacou o labor como xornalista, guionista e directora, “que ten tamén moita vinculación con Ourense, pois un dos seus traballos, a historia de Barreiros, baséase nunha das persoas máis ilustres que deu o noso territorio”, expresou o presidente. 

O Premio Xacobeo, outorgado por unha comisión mixta formada pola organización do 25º Ourense Film Festival (OUFF), a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, recoñece á mellor obra con produción ou coprodución galega do festival, na que destaca o talento, tesón e profesionalidade da súa autora, valores nos que se ven representadas as mulleres do audiovisual galego que loitan por ocupar un lugar destacado no panorama nacional e internacional”. Así o reflectiu a acta da comisión que neste 25º aniversario do Festival de Cine de Ourense concede por primeira vez o Premio Xacobeo cunha contía de 12.000 euros. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, Manuel Baltar, quixo destacar que este galardón “afianza a posición de Ourense como capital do cinema galego”. Dotado coa máxima cantidade, “non existe en Galicia ningún premio ao audiovisual en galego como este que se outorga no 25 aniversario do OUFF”, salientou. 

Anxo Lorenxo, director xeral de Políticas Culturais, dixo que se trata dun recoñecemento a unha película especialmente relevante para o audiovisual galego, que se estrea mañá nas salas comerciais, pero tamén é o recoñecemento aos profesionais do audiovisual galedo e ao papel das mulleres”, afirmou. 

Logo de estrearse en Shanghai e pasar polo Festival de San Sebastián, “La isla de las mentiras” recibe o seu primeiro premio na 25ª edición do Festival de Cine de Ourense. A comisión do galardón destacou a particular ollada da directora nunha película que “usando unha singular narrativa achégamos a unha historia sorprendente e pouco coñecida que merecía ser contada, que ao tempo recolle a esencia dunha sociedade e unha forma de vida na que as protagonistas exemplifican a fortaleza, valentía e dignidade de moitas mulleres galegas”. 

É a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons da que é tamén guionista xunto con Luis Marías. O proxecto, que conta coa participación de Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Milo Taboada, Celso Bugallo, compite, por outra banda, na sección oficial do OUFF. Está programada unha última sesión do filme, mañá 2 de outubro, ás 19.30 horas, dentro do Festival de Cine de Ourense. 

Paula Cons é xornalista, guionista, cineasta documental, directora de cinema e produtora española. É directora de contido en Agallas Films. No 2004 entrou na ficción despois de gañar o Concurso de guións Camiño do Xacobeo con “Ideas peregrinas”, un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV. Desenvolveu unha película de televisión, “Eduardo Barreiros, o Henry Ford español”. O seu seguinte proxecto foi a película “Lobos sucios”, que inaugurou o OUFF no 2015, e da que Paula Cons foi co-escritora, directora de contidos e produtora executiva. No 2017 presenta o largo documental “A batalla descoñecida” como guionista, directora e produtora executiva. En 2018 dirixiu con Agallas Films o docudrama “O caso de Diana Quer, 500 días”.