O BNG de Celanova doará as axudas de custo deste ano á Residencia San Carlos

Leopoldo Rodríguez anunciou en xuño que renunciaba á compensación por asistencia aos plenos desde a declaración da pandemia até finais de ano para que eses cartos se destinasen a asuntos sociais.

O concelleiro do BNG na corporación municipal de Celanova, Leopoldo Rodríguez, doará as axudas de custo (compensación económica por asistencia aos plenos) que lle corresponden pola súa participación nos plenos municipais de 2020 á Residencia San Carlos de Celanova. O BNG anunciou que tomara a decisión de renunciar ás axudas de custo do seu representante no pleno de xuño, e pediu que se destinasen a asuntos sociais os cartos que por ese concepto debería recibir desde a declaración da pandemia (marzo) até final de ano.

AVANTAR ACTIVIDADES

Despois da consulta cos servizos administrativos do Concello, onde lle aconsellaron que a fórmula máis sinxela é a de facer el mesmo a doazón, Leopoldo Rodríguez anunciou esta semana que o destino deses fondos será a Residencia San Carlos xa que a asemblea local do BNG considera que dada a situación do centro de maiores polo impacto da covid19 e a alarma social que xerou o gromo, esta é a institución máis axeitada para facer a doazón este ano. Entre marzo e setembro celebráronse catro sesións plenarias, unha delas, a da constitución das mesas electorais para os comicios galegos do 12 de xullo, e o concelleiro recibe algo máis de 80 euros netos pola asistencia a cada unha delas.