Marina Ortega advirte que o bono coidado que anunciou a Xunta para 36.000 familias “só chegou a 1.200”

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, acusou hoxe á Xunta de facer que as familias teñan que afrontar a pandemia “sen políticas de conciliación reais e efectivas que solucionen a súa incertidume”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral á conselleira de Política Social no Pleno do Parlamento, na que acusou ao goberno de “botar balóns fora2.

Ortega advertiu que “despois de meses de pandemia e cunha profunda crise económica e social, nais e pais tiveron que facer fronte a un inicio de curso sen gratuidade nos libros de texto, ou coa negativa da Xunta á iniciativa deste Parlamento de aportar máscaras gratuítas nos centros de ensino”. Sinalou que “cunha pandemia no medio, Galicia é a única autonomía que non aportou axudas directas aos autónomos nos peores momentos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Advertiu que a conciliación é “unha tarefa pendente” da Consellería de Política Social que quedou evidenciada coa pandemia e que exemplificou no bono coidado, que segundo a Xunta chegaría a 36.000 familias pero “só chegou efectivamente a 1.200”. Preguntou “a Xunta para cando”, logo de sinalar as axudas estatais ou o esforzo dos concellos para prestar servizos de conciliación, ou as Anpas “xestionando os comedores escolares dos que a Xunta se desentende”.

Considera “realmente triste que a única información que lle dan á cidadanía é interpelar ao goberno central mentres vostedes se declaran incompetentes”. Lembrou así as prestacións sociais do goberno central protexeron a 127.390 galegos e galegas, e outros 127.534 puideron acolleres aos Ertes, mentres 95.938 recibiron prestacións do Estado.