Os deputados ourensáns do PP demandan ao Goberno a inmediata licitación do tramo Eirasvedras-Quintela da variante de Ourense

·       Os representantes do PP no Congreso afirman que non hai escusas para impulsar a variante norte e dotala de partidas no proxecto de orzamentos do Estado para 2021.


AVANTAR ACTIVIDADES

Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Celso Delgado e Ana Vázquez, presentaron diversas iniciativas parlamentarias no Congreso instando o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) á adopción de decisións efectivas e concretas para impulsar a variante de Ourense, entre elas a dotación de partidas orzamentarias no proxecto de lei de PGE para 2021.

Lembran os deputados que o pasado 23 de setembro, durante a posta en servizo do tramo San Martiño-A Barrela da autovía A-56 (Ourense-Lugo), o secretario xeral de Infraestruturas do ministerio, Sergio Vázquez, “non fixou un compromiso explícito co resto dos tramos pendentes, falando de xeneralidades e só cunha referencia a que se priorizarían os tramos máis próximos á capital ourensá e con máis circulación -é dicir a variante de Ourense- pero sen expresar prazos”.

Celso Delgado e Ana Vázquez advirten que “esta exasperante desidia e falta de compromiso ministerial non ten relación algunha coa crise económica derivada da pandemia, xa que as dilacións veñen de lonxe”. A situación económica actual e as prioridades ocasionadas pola Covid-19, engadiron, “van prexudicar moitos investimentos xa programados, pero non é de recibo que afecten a aquelas máis necesarias e que levan tanto tempo de espera”, como a Variante de Ourense, sen esquecer que a obra pública é unha panca fundamental para o relanzamento da economía, polo que o Goberno de Sánchez non debe deixar de licitar actuacións xa maduras como o tramo Eirasvedras-Quintela.

EIRASVEDRAS-QUINTELA.

Nunha iniciativa parlamentaria, os deputados poñen de manifesto que un tramo especialmente listo para licitar as obras é a ligazón de Eirasvedras coa  N-120 (p.q. 573+800-ligazón de Quintela coa N-120 no p.q. 572,000). Un tramo urbano que de executarse solucionaría os problemas de circulación nun punto de alta intensidade de tráfico, posibilitado ademais o proxecto municipal de conversión dese espazo da N-120 nun bulevar termal.

O proxecto de construción do tramo, sinalan, foi aprobado pola Dirección Xeral de Estradas o 22 de abril de 2019 cun orzamento de licitación de 34,31 millóns de euros, mentres que o BOE do 21 de novembro de 2019 publicou o anuncio do MITMA de sometemento a información pública previa á ocupación de bens e dereitos afectados. Un trámite que non condiciona de ningún xeito a licitación, pero que xa vencidos nove meses de 2020 segue sen materializarse. “Unha situación indignante que acredita un evidente desprezo aos ourensáns”, afirman os deputados.

Por iso instan o Goberno a que antes de finalizar este ano liciten o contrato de obras do tan prioritario tramo da autovía A-56 entre Eirasvedras e Quintela.

QUINTELA-A CASILLA.

Noutra iniciativa parlamentaria do 21 de febrero, Delgado e Vázquez formularon unha pregunta ao Goberno sobre a data de conclusión da redacción do proxecto de construción do tramo-enlace de Quintela coa N-120, ata a ligazón da Casilla coa N-525.

O 2 de abril de 2020, o Goberno respondeulles “que se atopa en fase de redacción e que non podía dar unha data concreta de finalización destes traballos, xa que dependía da supervisión e correccións que puidesen ser precisas nas sucesivas versións do proxecto”.

Unha resposta decepcionante pois noutra anterior dada o 4 de marzo de 2019, o Ministerio dicía “que o proxecto do tramo Quintela-A Casilla, atópase nunha fase moi avanzada de redacción e tan só pendente da auditoria de seguridade viaria”.

Esta auditoría, subliñan os deputados populares, aprobouse en abril de 2019 “e por tanto, que dezanove meses despois siga sen aprobarse o proxecto de construción por parte do MITMA, só pode explicarse por unha enorme desidia e falta de compromiso co impulso a este tramo da variante”.

En consecuencia, instan o Goberno a que antes de que finalice 2020 conclúa a redacción do proxecto de construción do tramo prioritario da autovía A-56 entre Quintela e A Casilla.