A Xunta de Galicia destinará 400.000 euros para a mellora de 19 escolas infantís de 0 a 3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social (EPIS). O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a listaxe das entidades e centros que se beneficiarán desta orde de axudas, que conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
O obxecto destas achegas é reforzar a calidade da atención educativa que prestan estes centros. A contía máxima que pode chegar a recibir cada centro ascende a 25.000 euros: 15.000 para obras que melloren a accesibilidade da escola ou a doten dos servizos necesarios e 10.000 euros para a renovación do mobiliario e o material didáctico e de xogo.
Este é o cuarto ano consecutivo no que o Goberno galego convoca esta liña de subvencións para investimentos nas EPIS, que engrosa, así, o conxunto de medidas que busca dar resposta ao compromiso de poñer a disposición das familias galegas os mellores centros para as súas fillas e fillos.