Polo Avieiro de dona Emilia (12): Entre señor e faraón

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

A José Quiroga Pérez de Deza tratábano familiarmente como Pepe. A súa muller como Pepiño. Era baixo de estatura. Casárono con 20 anos, cando andaba nos estudos en Compostela, onde se licenciou en Dereito Civil e Canónico,  con Emilia Pardo  Bazán,  que tiña 17 anos. A voda celebrouse o 10 de xullo de 1868, na capela das Torres de Meirás, que mirade a mans de quen foron a parar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Era o noivo fillo de  Pedro Antonio Quiroga Hermida e María Asunción Pérez de Deza e Pinal, filla esta de Miguel Pérez Guerrero, natural de Quintela, en Catasós, administrador do Conde de Lemos, señor da xurisdición do  Deza e da torre de Lalín.

Seica, o avó de Pepe, ou Pepiño, persuadiu o conde de Lemos para que allease as súas posesión dezás, ou cando menos unha parte substancial, que  remataría nas súas mans a través dun comerciante compostelán que facía de comprador interposto. A súa nova situación outorgoulle un gran poder político na zona. Por parte da nai José Quiroga recibiu as casas fidalgas de Banga, en Cimadevila, e de Cabanelas, en Cabodevila; a de Corneda,no Irixo, e a casa grande de Quintela, en Catasós (Lalín).  Pola parte paterna, recibiu ascasas fidalgas de Oleiros e Mabegondo, na Coruña;  e as de Redondelle (A Peroxa) e Osebe (Leiro), en Ourense.

Tampouco eran escasos os bens e rendas da noiva, filla única do avogado José Pardo Bazán e Mosquera Rivera e mais de Amalia Rúa-Figueroa e Somoza. Recuando na liñaxe paterna chegábase a empatar nin máis nin menos que co “marechal” Pardo de Cela. Ao avogado coruñés premiaríao o Papa Pío IX pola súa defensa, durante a primeira lexislatura do Sexenio Revolucionario (1869/1871), dos intereses da igrexa co título pontificio de conde. Aínda que estes títulos acostumaban non ser vitalicios, neste caso déronse dúas excepcións pois, por unha banda, permitíase a súa transmisión ao primoxénito, sempre que fose de matrimonio legal e “in face Ecclesiae” e, en consecuencia, sabendo que a única herdeira era muller permitíase unha nova excepción. Ao final, poderíamos dicir, que o título normalizouse cando Alfonso XIII, en 1908, nomeou a dona Emilia I Condesa de Pardo Bazán e para máis fachenda da receptora polos seus méritos literarios.

O patrimonio inmobiliario de Emilia Pardo Bazán estaba formado polos bens e rendas das casas fidalgas de San Martín de Meirás (Sada), Miraflores, en Padriñán (Sanxenxo), o pazo de Rañal, en Moeche, e parte da capelanía das Enchousas (As Somozas); as casas de  Callou en San Fiz de Vixoi (Bergondo), Riopaz (Ponteceso), Cañás (Carral), e rendas en Aranga, Zanfoga (Pedrafita) e Tamou en Présaras (Vilasantar), e outras propiedades en Santiago e Curtis que os pais herdaran; a casa vivenda de rúa Tabernas nº 11 na Coruña, actual sede da Real Academia Galega, e a  da rúa San Bernardo en Madrid e polos bens e rendas que os país adquirirán procedentes da desamortización eclesiástica  en Malpica e en san Martín de Ozón.

Segundo Álvaro das Casas[1], que non o puido tratar moito, xa que logo fala de oídas, aínda que ben informado, José Quiroga “era hombre más dado a letras y artes, sabía mucha música, modelaba muy bien, disponía de una gran biblioteca y entretenía pacíficamente sus ocios haciendo difíciles trabajos de carpintería”. Non sei se obedecendo ao criterio popular de gabar a quen están no nicho, continúa o profesor do Instituto de Noia: “Era lo que se dice un buen hombre; asistía puntualmente a misa, repartía buenas limosnas, perdonaba las rentas en los años malos, conversaba con los humildes y sabia tener en alta estima a los más pobres”. Debía pois contrastar o seu carácter tanto co da súa activa e rompedora esposa como co do seu irmán Eduardo, “de vida agitadísima”, segundo Das Casas.

O matrimonio, residiu en Compostela mentres el remataba os estudos e non se separou da familia materna. Ao ano seguinte, trasladáronse a Madrid por ser o pai dela elixido deputado, tras o exilio de Isabel II. O remate da súa breve estancia paterna no parlamento viaxaron por Europa onde dona Emilia se enchoupou das súas culturas, nomeadamente da francesa. Tiveron tres fillos, Jaime, María de las Nieves (familiarmente Blanca) e Carmen. O matrimonio acabaría por esgazarse tras as duras criticas que xerou a publicación dunha serie de artigos (1882) despois recollidos en La cuestión palpitante(1883), a decisión de dona Emilia de dedicarse a literatura e a publicación de Los pazos de Ulloa (1886), novela na que dona Emilia retrata, e non dun xeito moi favorábel, o seu cuñado Eduardo[2], e na súa secuela La madre naturaleza (1887), na que a escritora aborda con talante racionalista, causando gran  escándalo, o escorregadizo tema do incesto

José Quiroga viviu un tanto afastado da vida publica, dedicándose ás súa afeccións privadas e a atender as súas moitas propiedades, unha delas que foi preparando aos poucos foi o Castelo de Santa Cruz en Oleiros, residencia que compaxinaba coas casas do Banga e do Carballiño onde, como dixemos, faleceu.

Segundo Álvaro das Casas debeu ser un bo pai “Amó apasionadamente a sus hijos”. Recordemos aquí a necrolóxica do ABC[3]: “Cuando la campaña de 1909 fue a Melilla para estar cerca de su hijo D. Jaime que había sentado plaza como voluntario”. Das Casas no artigo citado deita unha enigmática frase “y si no gustó de otros amores bien sabe Dios que suya no fue la culpa”. O mesmo profesor, reconvertido en reporteiro de El pueblo gallego, fornécenos información sobre os últimos anos da súa vida. Cóntanos que a súa vellez pasouna polas rúas do Carballiño “entre cumplimientos y homenajes”, na leal compañía de Juan o seu “cochero de siempre” , habitando o “caserón de la plaza” onde exhalou o derradeiro suspiro “entre oraciones y latines” do presbítero José Pinal.

A súa mentalidade de herdeiro extraordinario, probablemente tamén de membro derradeiro dunha estirpe, de integrante dunha elite e un tempo esgotado que a súa muller soubo ver, pero non el, levouno, segundo conta Álvaro de las Casas, a pedirlle ao seu fiel cocheiro “la matanza de sus caballos para que no fuesen malvendidos en campo de feria o trato de gañanes”. O señor emulaba un emperador Han, un faraón, ou o inca do Perú, e quería ir para o outro mundo na compaña dos seus cabalos, non por vontade imperial, senón por non deixalos en mans dos que coidaban que o diñeiro todo o podía.

  • Que lástema de cabalos!, diriamos emulando a apostila de Castelao aos bois estragados na praza de touros.

[1]El Pueblo Gallego, 12/9/1935.

[2] Na reportaxe de Álvaro das Casas que citamos (EPG, 12/9/1935) o propio fillo de Eduardo, Jorge Quiroga, identifica o  protagonista de Los pazos… co seu pai.

[3]ABC, 15/11/1912


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”