A Xunta pon en marcha unha campaña de vacinación masiva fronte á gripe en todas as residencias de maiores de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, presentan a campaña de vacinación da gripe para as residencias de maiores.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentaron hoxe a iniciativa no centro residencial Porta do Camiño

O obxectivo é achegar a vacina aos 25.000 maiores residentes e aos profesionais que se encargan dos seus coidados

AVANTAR ACTIVIDADES

Fabiola García subliñou a especial importancia que ten este ano, en plena pandemia da covid-19, vacinarse fronte á gripe, sobre todo as persoas maiores

O departamento sanitario galego remarca que a poboación diana da campaña da gripe son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 en adiante

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deron a coñecer hoxe a campaña de vacinación contra a gripe nas residencias de maiores de Galicia, que se pon en marcha este mesmo mes de outubro e que se prolongará ata finais de ano. O obxectivo desta iniciativa, que se presentou no centro residencial Porta do Camiño, é achegar a vacina a todos os usuarios dos centros residenciais da comunidade, tanto aos ao redor de 25.000 maiores residentes como aos profesionais que se encargan de coidalos.

Fabiola García explicou que con esta campaña se reforza a prevención, facendo máis seguras as residencias. Tamén subliñou que este ano, en plena pandemia da covid-19, vacinarse fronte á gripe é máis importante que nunca, en especial para as persoas de máis idade, pois son as máis vulnerables.

Neste sentido, a conselleira indicou que a gripe, ao igual que o coronavirus, é unha enfermidade infecciosa que se transmite fundamentalmente a través do aire, pero “a diferenza entre estas dúas doenzas é que para a gripe si hai vacina e é importante utilizala”, apuntou. Por iso, insistiu na importancia de que as persoas maiores se vacinen para protexerse, previr contaxios e tamén evitar síntomas que poden levar a dúbidas entre a gripe e a covid.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade lembrou a importancia da vacinación das persoas maiores. Así, cómpre remarcar que a poboación diana da campaña son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos).

Tamén son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe.