Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : “Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) ”
Non se trata de facer política da política, senón de analizar a política desde a filosofía. Esta análise non adoita ser do gusto do político como ben expresara Ortega y Gasset dous anos antes do seu pasamento:
“(…) resulta que, aunque cada hijo de vecino y sobre todo cada profesional tiene una filosofía -o mejor una filosofía le tiene, le tiene preso-, se irrita cuando un hombre especialmente dedicado a la filosofía toma la palabra para decir algo que tiene que ver con las cosas de su oficio. Si el ciudadano de que se trata es casualmente un político, su irritación es aún mayor. Se ve a las claras que, desde hace varias generaciones, en todo lo que va de siglo, el político se pone nervioso cuando el filósofo avanza a las candilejas para decir lo que hay que decir sobre los temas políticos. Son, en efecto, los dos modos de ser hombre más opuestos que cabe imaginar. El filósofo, el pensador se esfuerza intentando aclarar cuanto es posible las cosas, al paso que el político se empeña en confundirlas todo lo posible. Por eso, político e intelectual son el perro y el gato dentro de la fauna humana” (El especialista y el filósofo, 1953).
Intento, pois, enfocar o tema da política de forma sistémica, é dicir, analizar a política desde a totalidade do sistema político, desde a súa esencia, esperando que os políticos non se “irriten” demasiado. Para que exista política é necesaria unha sociedade, un sistema integrado por persoas que se manteñen unidas por diversos vínculos, algúns cohesivos e outros divisivos. A organización política dunha sociedade é, xa que logo, un subsistema que ten como función administrar o ben común ou mancomunidade. A partir de aquí, podemos describir a política como a arte de facer fronte aos problemas sociais, ou mesmo de evitalos. Todos os problemas políticos graves nacen de problemas sociais. Pero non todos os problemas sociais nacen de problemas políticos. A pobreza, por exemplo, foi sempre un problema social, pero transformouse en problema político cara ao ano 1830, cando apareceron os primeiros grupos antipobreza. O mesmo pasou coa escravitude, coa discriminación por raza ou por xénero, coas condicións laborais opresivas nas fábricas, etc. Polo tanto, antes de que un problema social se manifeste a nivel político débense manifestar os sectores públicos, quedando o proceso dialéctico así: Cuestión social, movemento social, cuestión política. Esta é a forma da dinámica social desde a orixe da política.
Orixe e desenvolvemento da política
A política nace no momento en que aparecen as primeiras comunidades como consecuencia da socialización humana. Para Aristóteles, para Rousseau e para outros moitos pensadores o ser humano é social por natureza, razón pola cal se ve arrastrado á unión con outros. Polo que coñecemos a través da historia, hai miles de anos que os seres humanos convivían nas cavernas formando familias. A familia sería a primeira sociedade e polo tanto a primeira base da política. Na familia xa existía unha persoa responsable da organización do traballo de cada membro; xa había, pois, a necesidade dun goberno familiar. O matriarcado foi a primeira forma política da humanidade, e así queda constatado nos innumerables mitos anteriores ao século VII a. C., nos que se reflicte como incluso a formación do universo dependía dunha divindade feminina (Eurínome, Tetis, Tiamat…). “Los hombres temían, adoraban y obedecían a la matriarca, siendo el hogar que ella cuidaba en una cueva o una choza su más primitivo centro social y la maternidad su principal misterio” (Robert Graves: Los mitos griegos).
Co paso do tempo, as familias agrupáronse para axudarse na recolección dos alimentos e para defenderse de perigos exteriores. Así apareceu a tribo. Esta nova organización precisaba dalgunha persoa que se fixese cargo do goberno tribal. Normalmente a persoa elixida para este papel saía de entre os máis sabios, os máis vellos ou os máis fortes. Máis tarde, as tribos uníronse entre si incrementando a poboación, razón pola que xa resultaba máis difícil gobernar a un número tan grande de persoas. Cando morría o gobernante había enfrontamentos e guerras por substituílo. Para que esas loitas polo poder non ocorresen, decidiuse que o poder recaese en dinastías ou linaxes; desa maneira, o xefe do clan podía designar antes de morrer a persoa que o ía reemprezar, que na maioría dos casos era o seu primoxénito.
Posteriormente, hai aproximadamente nove mil anos, aparecen as primeiras cidades, onde as dinastías se converteron en monarquías, nas que o poder o exercía un rei ou monarca. O pobo era considerado súbdito e tiña a obriga de pagar tributos ao rei. Estas sociedades denomináronse Estados (polis, en grego), que cando estenderon o seu dominio a outras rexións se converteron en imperios.
En Grecia, polo século V a. C., a política experimentou unha gran transformación pois alí naceu a democracia, o que implicaba que o goberno non era exercido por un rei, senón por un consello elixido entre cidadáns. Séculos despois, os romanos invadiron Grecia, e a pesar de que quixeron establecer a democracia como forma de goberno no Imperio rematou dexenerando en ditadura.
Despois da caída dos imperios gregos e romanos, a democracia foi esquecida, e as persoas con poder político e militar conformaron unha nova clase: a nobreza. Os nobres eran donos de grandes territorios onde o resto dos habitantes eran servos, que se encargaban exclusivamente de traballar a terra. Este período dura uns mil anos, durante os que a política case non existiu, ata que nos séculosXV, XVI eXVII nace unha nova clase: a burguesía, que non estaba de acordo co poderío da nobreza e reclamaba un dereito de oportunidades para todas as persoas. Este inconformismo deu lugar á Revolución Francesa, que impuxo novamente a democracia no mundo Occidental.
Modelos políticos
Para Rousseau non se podía impoñer nin defender un único modelo político. Cada país tiña que escoller o máis conveniente, considerando a súa magnitude e mesmo a súa xeografía. “A monarquía é a que máis convén en Estados grandes e opulentos; a aristocracia, nos máis ricos; e a democracia, en Estados pobres” (Contrato social III, 8). En canto á súa xeografía, por razón do clima, “o despotismo é o máis conveniente en países cálidos; a barbarie, nos países fríos; e a boa política, nas rexións intermedias e tépedas” (Contrato social III, 8). Con todo, na realidade, “o mellor goberno é aquel que resulta máis beneficioso nunha nación, o que sen recorrer a medios estraños proporciona aos seus cidáns benestar e paz” (Contrato social III, 9). Rousseau cría que a democracia “xamais existiu nin existirá nunca, pois supón tales condicións que a fan practicamente irrealizable” (Contrato social III, 4).
Á marxe desta visión rousseauniana de formas de goberno, teoricamente existen diversos modelos, pero os máis importantes poden reducirse a estes dous: o normativo e o realista.
O enfoque normativo intenta describir a vida política poñendo o acento no que a política pode ou debe ser. Desde esta óptica fanse preguntas tales como: Cal é o mellor réxime político? Ou, cal é o mellor réxime político posible? Alinéanse neste enfoque pensadores como Platón, Aristóteles, Bodino, Habermas, Rawls…
Como as teorías son sempre produto de cosmovisións, fundamentalmente ideolóxicas, podemos distinguir entre teorías políticas normativas clásicas e teorías normativas contemporáneas. As clásicas abranguen os séculos da Antigüidade (Grecia, Roma e Idade Media) e as da Modernidade, os séculos XV a XVIII. As contemporáneas son as creadas a partir do século XVIII.
Nas teorías políticas clásicas antigas hai continuidade e non ruptura entre o mundo greco-romano e o medieval. No mundo greco-romano a política estaba dirixida a conseguir a seguridade dunha vida boa e feliz, libre e virtuosa. O obxectivo final da política medieval, coa aparición do cristianismo, é permitir a marcha da vida tras a virtude; en definitiva, é a reivindicación do ben común, entendido como o conxunto de condicións sociopolíticas que axuden á salvación da alma. En cambio, hai marcadas diferenzas coa Idade Moderna desde a aparición das Nacións-Estado (século XV).
A finais da Idade Media e principios da Moderna produciuse unha variación fundamental. A emerxencia dos Estados-Nacións estivo marcada por cruentas guerras civís, e nestas circunstancias a política substituiu aos fins suprapolíticos (virtude, felicidade, bondade…) por un sistema de supervivencia. O máximo obxectivo político parecía ser a simple seguridade da existencia. Produciuse así unha marcada separación entre Política e Ética, que se realiza con Maquiavelo e que culmina na formulación da teoría da razón de Estado, un apoio poderoso do absolutismo.
Coa chegada da Ilustración, no século XVIII, empeza un asalto ideolóxico ao absolutismo, fundamentalmente desde o pensamento racionalista liberal. Esa crítica ao absolutismo remata na Revolución Francesa.
A segunda metade do século XIX e os primeiros anos do século XX caracterízanse pola emerxencia dos socialismos e dos nacionalismos, nun clima ideolóxico oposto ás ideas da Revolución Francesa de 1789.
O realismo político nace como consecuencia de entender a historia como o resultado da tendencia natural do ser humano a cobizar o poder e desexar a dominación dos outros. Os defensores desta teoría, como Maquiavelo, pensaban que a posibilidade de erradicar ese instinto polo poder era unha utopía. Esa crenza levounos a interpretar a política internacional como unha loita polo poder entre uns actores que intentan dominar o mundo e os que se opoñen a ese dominio. Esta teoría asume que o sistema internacional é anárquico, xa que non existe unha autoridade superior aos Estados que regule as relacións entre eles. Ademais, supón que os Estados son os actores do sistema internacional, en lugar de selo as institucións internacionais ou as corporacións multinacionais. Cada Estado é un actor internacional que busca maximizar a súa posición política dentro do sistema mediante o poder militar.
O político realista “é o que percibe a realidade social como é e non como el quixera que fose. É o que obra cos pés na terra”, escribía Maquiavelo. Esta idea traspasou o tempo do Renacemento e foise repetindo nas diversas etapas históricas. O realismo político rexurdiu nas últimas décadas como un sistema de dominación política, económica, militar e ideolóxica no imperialismo de EEUU, China, UE….
Política e poder
O poder social implica tres compoñentes importantes: o económico, o cultural e o político. O poder político é o que teñen as persoas, os grupos e os Gobernos para influír na orientación política dos individuos, e a través desa orientación pódese influír noutros aspectos da súa conduta. A política é a loita polos sistemas políticos, ou pola súa administración, en todos os niveis. A través da política inténtase resolver os problemas sociais, unha capacidade da que carecen os individuos illados por sentirse impotentes. Por iso, os individuos poden agruparse por compartir intereses e ideais comúns creando así un movemento político para dar solucións a determinados problemas sociais mediante a formación dun Goberno ou participando nel nalgún nivel. Así aparecen os partidos políticos. Aínda que o nacemento dun movemento político teña como finalidade primordial acadar un determinado obxectivo -causa da orixe desa agrupación- deberá enfocar outros múltiples problemas relacionados con ese obxectivo principal, como poden ser o pacifismo, o feminismo, o ambientalismo, a xustiza social, etc.
É notorio que a política intenta marcar as directrices e o rumbo que debe levar unha sociedade. Pero iso só se logra desde o Goberno, desde o poder. A política é a loita polo poder, pero tamén é o exercicio do poder en todos os sistemas das clases e escalas sociais. Porén, o exercicio do poder non é neutral: beneficia ou prexudica a algúns ou a todos, especialmente cando se trata de apontoar ou socavar certos privilexios. A conquista do poder crea unha tensión entre os contendentes nun ambiente sempre conflitivo e crispado. Moitas guerras históricas orixináronse por facerse co poder nun Estado concreto. En España, todos coñecemos as guerras de sucesión entre a casa dos Austria e a dos Borbóns. E noutros países sucedeu algo parecido.
O poder pode manifestarse de diferentes formas. Hai un poder soberano, que reside nos Estados e está representado nos diversos gobernos que se alternan nese Estado, e hai un poder interno dentro de cada Estado, que son as entidades políticas non soberanas que están limitadas nas súas capacidades de acción. España, O Reino Unido, Francia, os EEUU de América, Suíza, etc. son Estados soberanos. Un concello, unha deputación e unha autonomía son entidades políticas non soberanas, como queda perfectamente reflectido ultimamente en España no estado de confinamento polo Covid-19. Cada unha destas entidades dispón de poder, pero en cotas diversas. Os Estados soberanos poden declarar a guerra a outros Estados soberanos, acción que non se lles permite ás entidades políticas non soberanas. A eses Estados soberanos non se lles pode recriminar polo que fagan dentro do seu territorio, de aí que haxa ditaduras, represións étnicas (como Hitler contra os xudeos ou Irak contra os kurdos e chiítas), torturas, incumprimento dos dereitos humanos, etc. Aos Estados soberanos só se lles esixen responsabilidades internacionais cando invaden territorios doutros Estados.
Hai unha vella teoría acerca dos poderes soberanos que vén da época medieval. Esta teoría explica que o soberano universal é Deus e que a soberanía do rei absoluto europeo é unha soberanía por delegación divina. Iso mesmo ocorre en China, onde o emperador é a encarnación dun mandato divino. Máis tarde, o soberano é o pobo, como unha entidade metafísica na que recae a delegación divina. Na época actual, a soberanía dos gobernantes sería unha soberanía por delegación da vontade popular, que sería propiamente a que ten a delegación divina.
Pero o problema actual está en ser capaces de explicar como esa soberanía que se encarna nos políticos gobernantes por delegación popular se pode utilizar ás veces en contra da vontade e dos intereses dos propios gobernados. A política úsase agora como un xogo entre persoas que xa teñen poder ou andan na súa procura. Lamentablemente, a política renunciou ao espírito prístino de administrar o ben común, substituíndoo polo poder dos políticos e polos medios de conseguilo. A única maneira de facerse co poder nunha democracia é a través das eleccións. Por tal motivo, os cidadáns temos unha visión sesgada da política porque enfocamos a súa acción prioritaria nas eleccións dos candidatos e dos partidos políticos. Esta visión bisoña da política só se pode entender como un recurso local ou nacional; a política con minúscula. Nestes casos, o concepto de política perde o seu sentido orixinario xa que se esquece da cidadanía, que é a parte importante do sistema, para quedar reducida á procura do éxito dos políticos. E desa maneira, os cidadáns que se decatan de que os políticos case sempre acaban defraudándoos nas súas promesas, acaban elixindo nas eleccións seguintes a outros políticos opositores aos anteriores, para comprobar máis tarde que son de novo defraudados. A que nos pode conducir iso? O máis probable é ao escepticismo político e á desconfianza nos gobernantes. E iso pode ser a antesala da anarquía.
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.