O Psoe acusa que a carencia de recursos pola xestión da Xunta pon en risco ó rural

AVANTAR ACTIVIDADES

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe ao goberno galego de provocar a carencia de recursos públicos no rural, xerando un “grave risco” nunha poboación especialmente sensible fronte á covid. O responsable socialista apunta que o agrupamento de alumnos, que ademais comparten bus con persoas de maior idade, unido á supresión de recursos sanitarios, dificulta a xestión da chegada da pandemia.

Seco afeoulle ao goberno galego que desaproveitara a maior dispoñibilidade de espazo nos centros educativos do rural continuando precisamente neste ano coa supresión de escolas unitarias, como foi o caso de Luaña –Brión- ou Comiáns –A Laracha-, mentres continúan co agrupamento de alumnos en A Baña, Castro de rei ou Melide, pasando de en torno a 15 alumnos a 25.

Mentres, agrupan a tódolos nenos doutros concellos nun só centro educativo, como son os casos de O Incio ou Castroverde, onde “no caso dun brote poñemos en risco á totalidade das familias con fillos do Concello”. Esta é a consecuencia, dixo, de continuar coas políticas de concentración do alumnado para evitar dotalos de maior dotación económica cando estes centros contan con “espazos suficientes para poder ter unhas ratios de alumnos menores”.

Ademais, sinalou, nestes concellos rurais “os escolares comparten bus con outras persoas de maior idade nos chamados buses compartidos, aumentando así o risco de contaxio” para unha poboación altamente envellecida.

Sanidade

Trátase dunha situación de risco, explicou, que resulta especialmente agravada pola redución de recursos sanitarios, con centros onde á escasa dotación de persoal súmase a falla de substitucións para vacacións ou baixas, e que é especialmente grave na supresión do servizo de Pediatría en concellos de toda Galicia. Subliñou que “sen ter maior dotación de persoal sanitario dificilmente poderase facer un bo seguimento, cribados ou rastrexo do virus”.

Ademais, sinalou, “os agricultores e gandeiros seguen sen saber que facer se están afectados pola covid nas súas casas”, logo de que o goberno fixera caso omiso da petición do Parlamento para elaborar un protocolo de actuación ante o illamento do titular ou traballadores de explotacións no rural por síntomas compatibles co coronavirus.

Advertiu que “se enferman de covid ou teñen que face corentena vense obrigados a incumprir o illamento ou atender á súa explotación que non pode desaparecer, xa que os animais teñen que ser alimentados, teñen que muxir ás vacas”. Sinala que “a Xunta seque sen dicirlles ata onde chega o seu domicilio e aínda non implementaron medidas para poder seguir desenvolvendo o seu traballo e saben que a actividade non pode pechar”.