En Barbadás, o BNG pide a reforma urxente da rúa Rodeiro, na parroquia de Sobrado, ante a alta sinistralidade que rexistra no seu entroncamento coa rúa do Furón

 Os concelleiros nacionalistas no Concello de Barbadás, Sarín Núñez e Carlos González reiteran a necesidade de reformar de xeito urxente á rúa Rodeiro, situada na parroquia de Sobrado e a cal acumula unha alta concentración de sinistros na curva que entronca coa rúa do Furón, debido tanto ao estado do firma da vía como á propia natureza da mesma.

Para o BNG de Barbadás resultan insuficientes os 8.000 € para melloras na vía alegados polo goberno municipal pois entenden, é preciso levar a cabo unha reforma integral do vial. Para os nacionalistas, a situación non se resolve coa colocación de sinalización advertindo da reducción de velocidade. É necesario que ante a chegada do inverno, se axilicen os trámites dun proxecto serio e rigoroso que permita rematar dunha vez por todas coa situación de perigosidade que ten esa rúa, sendo ducias os sinistros que nela se producen segundo denuncian os propios veciños da zona.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os anteriormente expostos son parte dos argumentos empregados na moción polo BNG de Barbadás para reclamar no pleno a toma en consideración por parte do goberno local da situación e a posta en marcha dunha solución definitiva ao problema de seguridade vial alí existente.

Sarín Núñez Pérez, voceiro municipal do BNG en Barbadás di que: “É preciso levar a cabo unha limpeza exhaustiva da estrada, xa que existe unha alta concentración de gravilla solta, o que favorece as saídas de vía de vehículos e motocicletas. A esto engádeselle a mala composición do aglomerado da calzada, e o erro cometido no seu día co peraltado da curva, unido a unha pendente excesiva desa rúa”.

Por todo elo, desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás solicitan do goberno local a elaboración dun proxecto de reforma integral da rúa Rodeiro, na parroquia de Sobrado que inclúa a sustitución do asfalto da vía, a modificación do trazado e do peraltado existente no cruzamento coa rúa do Furón así como medidas que incidan sobre a pendente excesiva da rúa para impedir os excesos de velocidade dos vehículos que por ela circulan.