Prazo para xustificar as axudas ó carné de conducir para xente moza

A Xunta ampliou ata o 31 de decembro o prazo para xustificar as axudas para a obtención do carné de conducir das clases B e C destinadas á xuventude galega. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación desta orde, que se viu condicionada pola declaración do estado de alarma e as restricións no desenvolvemento de actividades nas autoescolas e centros de formación.

Así mesmo, tamén se amplía o prazo para a obtención do permiso de conducir ata o 21 de decembro. O obxectivo destas axudas, cun orzamento de máis de 761.000 euros, é impulsar a autonomía e as opcións laborais da xente moza. Así, para a obtención do permiso de condución de clase B, de turismo, o importe da axuda será de 400 euros, e para o de clase C, o de camión, será de 650 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ás persoas beneficiarias desta medida faráselles un anticipo do 80% da axuda, se así o solicitan, unha vez que teñan notificada a concesión da achega económica. Deberán ter máis de 18 anos, estar empadroadas na Comunidade Autónoma desde hai un ano e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Estímase que esta medida chegará a máis de 1500 mozas e mozos.