“Cómplices” gravará en Ourense o videoclip do seu próximo éxito: Home lobo

Manuel Baltar anunciou a colaboración da Deputación con Teo Cardalda e María Monsonís, “na liña de potenciar á provincia como excelente estudio para a produción audiovisual”, afirma

O novo traballo discográfico de “Cómplices” enlaza coa lenda de Romasanta, coñecido como “o home lobo”, nacido en Esgos, e terá entres os seus escenarios o mosteiro de San Pedro de Rocas

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, confirmou que o dúo musical “Cómplices” gravará o videoclip do seu próximo éxito discográfico, Home lobo, na provincia de Ourense. Trátase dun traballo audiovisual e discográfico que enlaza coa lenda de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “o home lobo, nacido no municipio ourensán de Esgos.

Baltar anunciou hoxe a colaboración da Deputación de Ourense con Teo Cardalda e María Monsonís -integrantes de “Cómplices” e autores de numerosos éxitos na historia do pop español-, “unha cooperación que vai na liña que vimos desenvolvendo de potenciar á provincia como excelente estudio para a produción audiovisual”, afirma o presidente do goberno provincial.

Esta aposta polo audiovisual e as singularidades que para esta industria ofrece a provincia de Ourense son, en opinión de Baltar, “un distintivo inmellorable para a promoción e a visibilidade internacional do noso territorio, unha estratexia que acentuamos desde o goberno provincial asumindo a organización do Festival Internacional de Cinema de Ourense ( OUFF), cuxos primeiros 25 anos acabamos de celebrar”, expresa o presidente.

Precisamente, para a posta en marcha deste importante proxecto musical e audiovisual, Manuel Baltar acompañou a Teo Cardalda e María Monsonís no seu percorrido polas diferentes localizacións que están a estudar para o videoclip, entre as que figura o mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), así como outros pobos e contornas naturais deste concello. Neste ámbito, nas últimas semanas Ourense albergou rodaxes de longametraxes que apuntan a un claro éxito en 2021 como son Cuñados, dirixida polo ourensán Toño López, e Ao vivo is life, de Dani da Torre, Premio “Ourense” do OUFF en 2020, unha provincia que xa foi escenario de numerosos videoclips, entre os que destacan exemplos como ” Zombie á intemperie”, éxito internacional de Alejandro Sanz, rodado en 2015 no mosteiro de Oseira co apoio da Deputación de Ourense.