A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Por Felipe-Senén

                                    Ao lembrado sabio, patriarca carballiñés Gabriel Valeiras

AVANTAR ACTIVIDADES

Ata que as vilas tiveron traída de augas eran as fontes públicas as que nutrían aos cidadáns dese esencial elemento pra vida: auga pra beber humanos e animais, onde nacía o rego das plantas, auga pra lavarse, pra apagar os lumes… Así que as boas vilas presumían e competían tanto en ter fontes  como en boas augas. Fontes que ían dende as máis sinxelas estruturas arquitectónicas ate escenográficas e monumentais.

Tan representativas foron as fontes na cultura popular galega que unha das tópicas imaxes enxebres levada á pintura costumista, ás postais, era a da fonte, coas mulleres coa sella ou balde á cabeza, apoiado sobre unha roia…cousa de mulleres o da sella, si acaso algún home co porrón de barro na man.  Ate había unha boa industria de selleiros e baldeiros, como de latoeiros encargados destes recipientes ou picheles pros líquido, incluso no Carballiño tiñan boa sona os baldeiros de Mesego e do mesmo barrio da Carreira, imprescindibles nas feiras.

Sendo o Carballiño encrucillada, punto de encontro en días de feiras, especialmente de gando e agrícola,  non podían faltar as fontes cos seus canos pra dar de beber aos humanos e os pilóns pros animais… Atentos a saberes tradicionais que dicían que as fontes que abrollan cara á alborada son de boas augas  e a Fonte de Flores é desas. Erguida entrando á vila, nunha das máis antigas vías que unía o campo da feira orixinal coa parroquia nai de Señorín, recibindo desvíos cara Ourense e Ribadavia, Pontevedra, Cea… complementada na costiña coa  Fonte do Concello. Respecto á fonte do Concello e pese a que Vicente Risco, na “Geografía de Galicia” ( 1928), seguindo unha falsa tradición dábaa por procedente da Desarmotización do mosteiro de Oseira.  Non sendo así, asunto desmentido polos arquivos do Concello nos que consta que  se construíu no 1876 segundo planos do arquitecto ourensán Mariano Romea e da man do canteiro nacido en Beariz no 1846, Antonio Ogando, devanceiro do profesor e académico X. Francisco Ogando Vázquez. Obra que daquela costou 3.060, 18 pts,  harmonizando estética con funcionalidade.

Entre estas historias pousamos aquí na Fonte de Flores, na mesma entrada do que foi, co barrio de Carrás, núcleo orixinal do Carballiño, onde esgaian os camiños. Próxima a un punto que lembramos co nome do “Rebusco”, no que, seguindo unha vella tradición se deixaban cousas inservibles para que algúns as aproveitaran. Onde eu mesmo, educado  en pescudas arqueolóxicas, atopei unha cantimplora de aluminio, labrada coas letras de “Chafarote”,  mesmo contiña dentro auga… Non podía ser outra que do Chafarote, querido e bigotudo barbeiro, estilo Modugno,  con despacho no que ademais se aprendía a tocar música, con especialidade na gaita e no clarinete, pero tamén acordeón… Mozo andado nos camiños, que fora e volvera a Venezuela. Nunha desas voltas conteille o que atopara e díxome “ ti que es historiador garda iso…é a cantimplora que levei no fronte do Ebro, labreina a punta de baioneta… e mesmo a enchín coa auga avolta do río, pasada polo manto da Pilarica…”. Reliquia que conservo daquel carballiñés,  entre tantos que entre idas e voltas  se perderon na rosa dos ventos.

Camiño  de Flores e da súa fonte, que ao sobrepasala, cara Señorín atravesaba un pontillon sobre o regueiro e a acea do muiño co sitio das lavandeiras, pasando  polo bosque do Benitiño, os farturentos lameiros da Cachela e a Carballa de Señorín, aínda propiedade da miña casa…

Neste lugar da Fonte de Flores dicíase que existira unha sinxela e vella fontenla, aproveitando o ángulo de confluencia de veas de auga, ate que na derradeira década do do século XIX e despois de construírse a flamante Fonte do Concello, pese á mala sona das súas augas, e polas reclamacións dos veciños, se determinou corresponder en xustiza e facer unha nova e solemne fonte de dous canos, con pilón semicircular, coidando a estética máis urbana, e así foi. Tal como campa no coroamento triunfal desta estrutura: 189O. Deseño encargado ao especialista de obras públicas de Ourense Leopoldo Varela e case seguro que coa cuadrilla de  xornaleiros canteiros fora a xa coñecida de Antonio Ogando dun sindicato pioneiro, o da Sociedade de Canteiros do Carballiño.

Si ben pra nutrir permanentemente de auga engadíronse á condución varios outros canles, sendo o principal o que ven da  Barronca….e ben o sabemos por termo transmitido así como il mesmo o escoitou Gabriel Valeiras Muñoz, de familia de toneleiros, milmañas e poeta, autor dun libriño pros amigos “ Carballiño en versos populares”, do quen ben gustaría Manuel María. Cantigueiro onde a Fonte de Flores ten o seu merecido sitio… centenario vivo, agora  en Compostela, memoria do Carballiño e do seu Flores natal.

Portada dos versos de Gabriel Valeiras (Debuxo de Xosé V.)

Alá polos anos setenta comentábame o antigo empregado do Concello pra asuntos de parques e fontes, Xosé María Otero Pérez que os obreiros que fixeron a mina da Fonte de Flores eran pai e fillo, de Batallás, parroquia de Madarnás. Que as augas  baixaban da Carpaceira, onde se ergueu a Veracruz  pra confluir na mina principal da Barronca, ( hoxe rúa Faustino Santalices) e levarse, en bo tramo, á arca da fonte . Sabios de augas que estudaron a pendente, que encamaron en pedra o canle…que o mesmo Xosé María tivo que facer limpeza en varias ocasións por acumulación de area…. Laiábase xa daquela que pasaron os anos, que se construíu sobre as canles, que non se limparon máis, que sofren filtracións e que a fonte perde aquel seu potente chorro de auga, fresca no verán e morna no inverno. Os análises que facía o boticario Fontaíñas daquela daban un auga de calidade baril, como asentaban os máis vellos.

Arquitectura da fonte en tres corpos simétricos en horizontal pra darlle un aspecto escenográfico.  Asumindo que aquel era punto de encontro pra vida popular: o corpo central  coroado coa data  de 1890 e complementando a súa verticalidade cara ao centro do semicírculo do pilón a labra dunha rama de loureiro, recta , curiosamente no seu inicio ten un círculo a modo arandela-agarradoiro, tras deste corpo está a arqueta . Os dous corpos laterais l co seu correspondente cano de ferro a verter no pilón e cos apoios ou barras de ferro pra apoiar as sellas. A unha banda e outra da fonte non falta un banco de pedra corrido e pegado ao muro do fondo.

A Fonte de Flores é traballo  a sumar ás antolóxicas obras de cantería do Carballiño e máis que houbo, as que se deberan por a salvo pro futuro e das que ben se puidera presumir máis.

A fonte que foi lugar de encontro, onde se facía quenda de vez nas esperas, namentres un se informaba do acontecer da vila, onde tamén se poñían e daban que falar os bandos municipais.

 Fonte na que,  a carón dela, hai un século plantaron un ameneiro os meus devanceiros, o tío Gumerso Rodríguez, un dos fillos do Papa Reque, Xosé Rodríguez Francisco, arrieiro, moi lembrado pola súa barba, cuberto de ampla capa e que case centenario dedicábase a contar historias dos camiños, no centro dunha rolda, sentado sobre os chanzos do patín e baixo do emparrado do da Casa dos Reque,  a que con esforzo aínda conserva tal cal a miña curmán Rosa Nuñez Muñoz.

Improvisado ameneiro traído de Toscaña e que segundo dicía sucedía a unha  máis antiga moreira, e que decotado, en vez de ir pra arriba, ancheou como se quería pra dar máis sombra nas raxeiras do verán, no outono de copa ouridourada. Tanto é así que os rapaces de noutrora seguiamos indo a coller as follas daquel amieiro pensando que era moreira pra darlle de xantar aos vermes da seda….Ameneiro  que co nacer do novo milenio e o botellón foi murchando En agosto do 2012 dentro do programa da festa histórica do barrio, arredor de Pepa Loba,  estrebillóuse nesta ocasión co argumento dos arrieiros, decidindo en solemne acto plantar novamente unha moreira, encontro que contou coa palabra da miña curmán Rosa Núñez Muñoz e do lembrado  e imprescindible amigo e carballiñés, Alfonso Gonzalez Balbuena, “Tupino”. Moreira que a pouco de poñela xa sufriu o vandalismo do botellón, tronzada pola metade… pero a habilidade do  milmañas do “Tupino”,   púxolle unha estribeira con venda, como si fora un humano eivado…e hoxe a moreira medra, iso si, coa cicatriz do pasado. Feito a sumar ás lembranzas e contos arredor da fonte da que moitos carballiñeses mamamos e dis que tamén por iso mantemos boa dentadura e cabelo.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño