As fundacións que defenden o legado de Risco, Otero, Losada Diéguez e Castelao, Premio “Otero Pedrayo” 2020

Videoconferencia Manuel Baltar cos membros que forman parte do Xurado do Premio “Otero Pedrayo” na súa 50 edición, acompañado por Juan Marquina (Secretario Xeral da Deputación Ourense).
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A proposta de galardón foi formulada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, tendo en conta “o esforzo e dedicación que levan a cabo estas fundacións para manter vivo o pensamento e a obra destes grandes das nosas letras, intelectuais da Xeración Nós, que puxeron a Galicia en Europa”, afirma Baltar 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 21 de outubro de 2020.- As catro fundacións que defenden o legado de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Losada Diéguez e Castelao, recibirán o Premio “Otero Pedrayo” 2020, así o acordou hoxe o xurado do galardón, reunido por videoconferencia, logo de escoitar a proposta formulada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na que defendeu “o encomiable esforzo e dedicación que levan a cabo estas fundacións para manter vivo o pensamento e a obra destes grandes das nosas letras, intelectuais da Xeración Nós, que puxeron a Galicia en Europa”, afirmou Manuel Baltar, quen lle comunicou por teléfono aos máximos representantes das respectivas fundacións o fallo do xurado. 

Así mesmo, Baltar propuxo ao xurado senllas mencións de honra para o Museo Arqueolóxico de Ourense, “institución de carácter público que soubo recoller o maxisterio de Florentino L. Cuevillas”, e para o Concello de Cambados, “sustentador do museo na casa natal de Ramón Cabanillas, no barrio de Fefiñáns”. 

A candidatura presentada por Manuel Baltar foi a seguinte (texto completo):  

“Sras. e Sres. membros do xurado da presente edición do Premio Otero Pedrayo, galardón instaurado en 1977, por iniciativa dos nosos catro gobernos provinciais, ó que, despois, coa chegada do autogoberno, se incorporaría a Xunta de Galicia. 

“Moi agradecido pola vosa presenza en Ourense. Igual que fixen en 2012 e en 2016, resulta moi grato para min co-presidir hoxe esta xuntanza, xunto co representante do presidente de Galicia, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, porque na raíz mesma da administración que represento -no noso caso, moito máis ca unha provincia-, figura, xa de vello, a obriga de promover e velar pola propia identidade cultural e facer da creatividade, en calquera das súas formas de expresión, o motor do desenvolvemento político, social e económico dun territorio ben definido e configurado polas súas xentes ó longo de máis de dous mil anos de Historia. 

“Ourense, a ourensanía como peculiaridade e sentimento de pertenza á Terra Nai, como parte substancial desta nación cultural á que chamamos Galicia, esténdese por todo o mundo. Os ourensán experimentamos, alí onde nos encontremos, con orgullo, ese sentimento e transformámolo, cada quen na medida das súas posibilidades, en creacións que contribúen ás diversas esferas da actividade humana, moi especialmente no eido cultural. 

“Sabíao ben Don Ramón Otero Pedrayo, que entre moitas outras tarefas, soubo aportar á investigación, ó pensamento, á literatura, e tamén á política, esa dose de ourensanismo, da interpretación do mundo a partir da realidade máis próxima, máis íntima e vivencial. 

“Dentro de doce días, o venres 30 do mes que andamos, cumpriránse cen anos da aparición, nesta cidade, imprentado en La Región, do primeiro número da revista Nós, Boletín Mensual da Cultura Galega, órgano da Sociedade Galega de Publicacións “NÓS”. Dirixida por Vicente Risco, figuran como redactores da revista, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Alfonso R. Castelao e Ramón Cabanillas. O propio Risco matizaría, anos despois, en Céltiga -publicación galega de arte, crítica, literatura e actualidades, codirixida en Bos Aires por Eduardo Blanco-Amor-, que “a idea xudeu en Pontevedra, un serán do mes de San Xoán, alá polo 1920. Estabamos, arredor dunha mesiña, na aceira do Café Méndez Núñez, o Cabanillas, o Castelao, o Losada Diéguez e máis eu. Falouse alí da necesidade dunha revista cultural e planeámola, mais, coma decote, atopámonos coa dificuldade dos cartos (…) Era aquela a nosa edade heroica (…) Non sei moi ben como, pero o asunto veu dar a Ourense, e ficou unas miñas maus (…).” 

“Ninguén mellor que Ramón Otero Pedrayo para lembrarnos, nun seu artigo dos anos 60, o obxectivo e o ambiente daquel grupo de intelectuais que se propuxeron “…elevar a nosa fala galega a unha categoría da que era merecente, tratar na vella lingua dos devanceiros os grandes temas da cultura do noso tempo. E así o fixemos, dende Ourense. Vicente Risco na súa pequena mesa-camilla, sempre acugulada de libros e de escritos, no medio do fume do tabaco, entre a discusión acesa e o riso aberto e cordial, arrodeado de amigos, intervindo para suxerir novas ideas, tratando de levalas axiña á práctica. Esixíndonos a cada quen o correspondente traballo, reclamando a colaboración prometida. 

“Aquela redacción, na casa do Risco, era un fervedoiro de ilusión, de confianza no porvir da nosa terra, de rexurdimento do noso ser como galegos. Alí se recibían e se comentaban as publicacións e as revistas máis recentes, chegadas de París, de Berlín, de Portugal, de América… 

“E resume o propio Vicente Risco” eramos, nunha verba, antigregarios (…) dentro de nós, no máis fondo do noso ser, latexaba a ialma de Galiza. Sabiamos ben que , canto máis individualistas, canto máis finiseculares e románticos, canto máis modernos e soñadores, chegariamos ó cerne, á suprema identidade do noso pobo (…).” 

“NÓS comezou sendo unha carpeta de maxistrais debuxos de Castelao, pasou a ser cabeceira da revista, denominou toda unha xeración, impregnou a investigación, as artes, as letras, as ideas, o pensamento político e conectounos con Europa e co mundo. Constituíu unha verdadeira marca de Galicia, da de dentro e da de fóra, porque trala barbarie da guerra incivil e da brutal represión, coa longa noite do exilio, NÓS non morreu, trasladouse á outra beira do Atlántico e seguiu agromando. O pulo, o espírito e os principios fundamentais de NÓS, UNHA TERRA, UN POBO E UNHA FALA, perviviron ata a transición democrática e foron os alicerces da actual Autonomía. 

“Ourense, onde Nós naceu, sempre estivo, dunha ou doutra maneira, vencellada, ó pensamento e á acción dos homes de Nós. 

“Ninguén coma Eduardo Blanco-Amor para por de relevo, co gallo do cincuenta aniversario da revista, nun traballo que lle dedica a Vicente Risco, chamándolle, “o meu Mestre”, esa permanente e transversal ourensanía, que nós, como non, seguimos reivindicando e practicando: “O meu pobo, Ourense, por causas que, en troques de podérense explicar coas razós acostumadas somellan andaren boligando polos indescifrables manexos do sino, asumiu a misión de dar resposta a cada un dos rexurdimentos galegos. Fixémolo ao noso propio xeito, asumimos o pulo galeguizante cunha sorte de deslocalización, refinamento e trascendencia. Así respostaron Curros Enríquez e Lamas Carbajal no XIX, así lle deron cimeira os intelectuais da Xeración Nós, nas ideas e nos feitos, elevando o nivel e poñéndonos en Europa, así actuamos os que nacemos co século ao pé do modernismo e das avangardas, así o trasladamos a Bos Aires, onde desde o Centro Ourensán fomos a tribuna e o amparo de Castelao…E así seguirá sendo, porque os de Ourense somos como somos e xa son horas de que algús o vaian sabendo…” 

“Polo tanto, sen máis prolegómenos, presento formalmente á consideración do xurado, de acordo coas bases reguladoras deste Premio, aprobadas pola Xunta de Goberno desta Deputación Provincial o 22 de xuño de 2020 e publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, Nª 150, do pasado 2 de xullo de 2020, a proposta de galardoar, neste 2020, centenario da revista nós, ás catro fundacións que manteñen vivo, con encomiable esforzo e dedicación, o pensamento e a obra de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e Castelao. 

“Así mesmo, propoño ó xurado unha mención de honra para o Museo Arqueolóxico de Ourense, institución de carácter público que soubo recoller o maxisterio de Florentino L. Cuevillas, e para o Concello de Cambados, sustentador do museo na casa natal de Ramón Cabanillas, no barrio de Fefiñáns. 

“Presentada, en tempo e forma, a presente candidatura da Deputación de Ourense, correspóndelle ó Xurado, o debate e votación sobre esta e outras propostas presentadas. 

Moitas grazas