Baltar defende un Plan de Goberno Aberto “que priorice transparencia e participación cidadá”

Videoconferencia Manuel Baltar cos membros da FEMP.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na reunión do consello de goberno da Rede de entidades locais pola transparencia e participación da FEMP, órgano ao que pertence o máximo responsable do goberno provincial ourensán. Na xuntanza debateuse sobre o “IV Plan de Goberno Aberto” das administracións públicas, “a folla de ruta que debe priorizar nos vindeiros catro anos as políticas de transparencia e participación cidadá en España, para que a interacción entre gobernos e sociedade sexa o máis directa e eficaz posible”, afirma Baltar. 

Na reunión, celebrada por videoconferencia, tratáronse temas referidos a formación e desenvolvemento económico, “coa finalidade de avanzar en políticas de transparencia, participación e colaboración cidadá máis efectivas para o conxunto de entidades locais, que favorezan unha aceleración do desenvolvemento económico e social dos territorios, máxime tendo en conta a actual crise do COVID-19”, explica Manuel Baltar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar considera fundamental “reforzar a confianza dos cidadáns nos gobernos locais” e para elo todas as administracións “debemos asumir compromisos de bo goberno e de prácticas exemplares á hora da rendición de contas, como vimos facendo desde hai anos na Deputación de Ourense, que ocupa o primeiro posto no ránking de transparencia dos gobernos provinciais de España, sendo tamén a primeira administración do país en contar cunha área específica de transparencia e goberno aberto”, destaca o presidente. 

Videoconferencia Manuel Baltar cos membros da FEMP.

Manuel Baltar salienta “a importancia e o paso adiante” que supón o IV Plan de Goberno Aberto, polo que significa “de proceso participativo e de consenso entre a Administración e a sociedade civil, pois elabórase tendo en conta as demandas cidadás e as dos gobernos a diferente niveis”. O Plan é o froito dunha estratexia global proxectada a catro anos e inclúe, por primeira vez, compromisos do conxunto das administracións públicas españolas, non só da Administración Xeral do Estado, o cal “permitirá ofrecer unha visión global da realidade do Goberno Aberto en España, baseada en catro ámbitos de actuación como son: transparencia e rendición de contas, participación, integridade, sensibilización e formación”.