O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposta socialista para pedirlle á Xunta unha liña de subvencións específica para clubes deportivos autonómicos que lles permita adaptarse ás esixencias da covid – 19. A proposta foi presentada hoxe polo portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, quen reclamou liñas de financiamento que faciliten a práctica deportiva na pandemia.
O responsable socialista sinalou que “a Xunta ten que innovar”, e lembrou o caso do País Vasco, onde o seu instituto asemellado ao Igape ten posto en marcha liñas de axuda específicas para o deporte e os clubes deportivos. Advertiu que neste momento, e debido aos protocolos restritivos impostos polo goberno galego, os clubes están obrigados a realizar tests de forma xeneralizada que supoñen un custe que sen embargo non poden asumir.
Francisco levou hoxe ao Parlamento as “incertezas, inquedanzas e bastantes reclamacións” trasladadas polos clubes, que requiren de “despexar para saber se é posible o inicio das competicións”. Lembra que a actividade deportiva, que cualifica como “esencial”, en realidade é “a única actividade que non se reiniciou dende a aplicación do Estado de Alarma”.
O responsable socialista transaccionou co Grupo do PP a súa proposta orixinal, na que lle reclamaba á Xunta que adapte o protocolo covid á realidade do deporte autonómico e de base, que iguala e mesmo supera as esixencias do deporte profesional, o que o fai “absolutamente inviable” a nivel autonómico.
Explicou que a esixencia de uso de máscaras resulta inviable en deportes de intensidade e contacto como rugby ou fútbol, mentres o requisito de que os clubes despazados a Galicia dispoñan dun test entre 24 e 72 horas antes, o que non acontece noutras autonomías, resultan difíciles de aplicar a nivel autonómico.
Advirte que o protocolo da Xunta resulta “absolutamente inviable, e pensado para o deporte profesional” e que “non asume responsabilidades propias e delega nos clubes e nos responsables do deporte non profesional”. Reclamoulle á Xunta que se corresponsabilice do cumprimento das esixencias derivadas da pandemia.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1. Aprobar unha liña específica de subvencións dirixida a clubes federados de ámbito autonómico, para facer fronte ás esixencias sanitarias derivadas da covid-19.
2. Dirixirse ao Consejo Superior de Deportes para que posibilite os mecanismos de axuda e financiamento para o sector deportivo non profesional de ámbito estatal”.