O Psoe denuncia a suposta xestión caciquil da Deputación na estación de Manzaneda

 O PSdeG-PSOE impulsa unha iniciativa para que a Deputación de Ourense deixe de xestionar “caciquilmente” a estación de montaña de Manzaneda que, nos últimos anos, o PP está a “manexar como un xoguete da familia Baltar”. Unha moción instará aos gobernos provincial e autonómico –accionistas maioritarios de Meisa– ao “cese da actual xestión escurantista”, para que “comecen a aplicar un modelo público, transparente e coa esixencia de que, quen estea á fronte, conte con experiencia e solvencia acreditada”.

Tamén reclama á Xunta “nomear como membros do consello de administración de Meisa ao alcalde de Manzaneda e á alcaldesa da Pobra de Trives, para garantir a representatividade dos territorios nos que se asenta a estación de montaña de Manzaneda e a transparencia na súa xestión”. Igualmente solicita á Deputación a que proceda “a concluír as obras de remodelación na estrada de acceso sen dilación”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado, Aurentino Alonso, asegurou que o proceso de adxudicación da xestión “está nunha situación tráxica” e a estación “case en encefalograma plano”, polo que “hai darlle unha volta ao modelo de xestión” e “ás actividades que só se centran no esquí e que non pensan en que o futuro da estación precisa ser repensado mediante outras vías de negocio, como están facendo outras estacións”. “Queremos que sitúen á fronte a un experto ou experta con experiencia e non que coloquen a calquera”, sinalou logo de explicar que reclaman “transparencia” tras “anos denegando documentación”, unha situación que se agravou “co sinsentido de sacar aos concellos de Trives e Manzaneda do consello de administración”.

O secretario provincial e voceiro, Rafa Villarino, resaltou que “o seu potencial leva anos estragándose” a pesar de “investimentos multimillonarios” e “cun abandono das instalacións e do modelo de negocio”, xa que “non só é unha estación de esquí xa que é unha estación de montaña con boas instalacións que permiten actividades todo o ano”. Villarino tamén resaltou as “liortas” entre a Xunta e a Deputación polo control da estación con “denuncias xudiciais” que anularon acordos tomados unilateralmente pola institución provincial. “En todo este tempo non están a facer nada e, por iso, o PSOE pide que lle dean voz aos municipios e que traian a persoas especializadas que transformen ese potencial en realidade”, incidiu. “O PSOE ofrécese para cambiar as cousas a mellor, co fin de que Manzaneda teña futuro”, proclamou.

Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, incidiu nas “decenas de traballadores, persoas da zona, que están en ERTE” a pesar de que Manzaneda “está completamente abandonada” e “a día de hoxe sigue todo pechado”. “Chegas arriba e non podes comprar nin unha botella de auga”, denunciou o rexedor antes de recordar que “a nosa reivindicación principal é que os municipios nos que se asenta esteamos no consello”. “Hai que investir cartos e facer unha xestión eficiente con actividades todo o ano, como sucede noutras estacións iguais”, dixo. “É un motor para a hostalería e o comercio de todos os municipios da zona”, un motor, insistiu Fernández, que está “totalmente desaproveitado a pesar de que por alí chegaban a pasar 4.000 ou 5.000 persoas ao día co que iso supón en cartos”.  

Para o PSOE “o desleixo que Xunta e Deputación amosan coa dinamización da estación e das comarcas afectadas é recorrente desde hai lustros” cunha “xestión escurantista salpicada de problemas e irregularidades cada vez máis evidente, especialmente desde que acordaron deixar fóra da toma de decisións aos concellos de Trives e Manzaneda”. “Tanto Meisa como os seus dous accionistas maioritarios levan anos denegando o acceso á documentación do contrato de xestión e as sentenzas xudiciais que, de forma reiterada, solicitan por escrito os deputados, concelleiros e alcaldes”, denuncian os socialistas.

“A o carrusel de irregularidades e decisións errantes dos xestores, con dimisións por Whastapp, adxudicacións a dedo, enchufes e regalo de accións a empresas privados, súmanse as queixas de usuarios e usuarias pola falta de mantemento das instalacións hoteleiras, o telesilla, o aluguer de esquíes ou a xestión de forfaits”, conclúen.