Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Un aínda se ve procurando un recunchiño, entre enormes corpos de grandes sobacos e cheiros extremados, para dirixir a mirada cara ao ceo e gozar do estoupido de cores. Un aínda se sente soportando, con estoicismo adolescente, pisadas, empurróns e esmagamentos para gañar unha boa posición nos chanzos de entrada dalgunha das casas con corredor. O suplicio obedecía tanto ao intento de equipararte en altura cos adultos e asegurar un recanto para ollar as muxicas luminosas como para evitar que unha canivela che batese na cabeza ou que charamuscas descontroladas che fixesen voltear o corazón antes do que agardabas como cando esbouraban as tracas valencianas, prolongándose ata abouxarte, ou a sucesión de morteiros facían estremecer a terra e a ti tremelar entre o medo e a emoción.

Non tería dona Emilia a mesma necesidade de abrirse oco como un insignificante cativo. Ela baixaría rodeada de autoridades aínda que traballo lle custase “romper por entre el gentío que llenaba la plaza, donde chocaban mil varios y opuestos ruidos, ya la pandereta y las castañuelas de un corro de baile, ya el mosconeo de la zanfona, ya una triste y prolongada copla popular, ya la interjección de un borracho agresivo, que quería tener por suyos los ámbitos de la feria”. E mesmo que “En el portal del ayuntamiento redoblaron las dificultades, y fue preciso hollar sin misericordia pechos, vientres y espaldas de personas instaladas allí, y resueltas a no menearse y a perder el sitio”.

Ela, empoleirada no balcón da casa do concello, con doado refuxio no interior, podería contemplar a fantasía luminosa e gozar da perspectiva de aquela “villita modesta” que semellaba, á luz da lúa, “una colmena en miniatura” aínda que non lle faltase tamén a “Vilamorta cierta gradiosidad como de población importante, debida a los nuevos edificios que, con arreglo al orden peculiar de las grilleras, levanta a toda prisa un americano gallego, recién venido con previsión de centenes[i]”. Dona Emilia non só era unha hábil descritora da realidade, do natural, senón que tamén gozaba da intuición precisa para presaxiar o futuro “niuiorciño”rabuñando cara ao ceo.

Mais tamén é posíbel que o formigo adolescente que se apoderaba de nós cando se achegaba a hora de comezo da “sesión de fuego fijo y volador” se asemellase ao que sentise a aristocrática moza, oitenta ou noventa anos antes. Tamén pode ser que aquelas cóxegas de ansiedade rememorada non sexa máis que un gromo de nostalxia avellada. Saber que non houbo festas do setembro, despois de tantas e tantas décadas, produce unha inquietude que agrava esa insoportábel levidade da incerteza que nos ten enmascarados dende hai meses.

Ben sei que dende hai tempo os “fuegos” abandonaron o seu espazo na praza pública e ficaron castrados da emoción dun chisquiño de risco. Esta obsesión pola seguridade debe ter máis que ver coa corrección burocrática que coa realidade, se consideramos o desleixo co que se comportan moitas persoas, e algunhas institucións, ante unha ameaza tan perigosa como a presente.

Procurei pois celebrar na privacidade pandémica as festas de San Cibrao coa lectura das páxinas que dona Emilia lle dedica ás festas do setembro, describíndoas polo miúdo en tres capítulos de El cisne de Vilamorta.

Dona Emilia asinou o libro xustamente en setembro de 1884; aínda que a data do pé de imprenta é de 1885. De que este último ano houbo unhas boas festas danos conta a prensa[ii]. A véspera, o 15, o día de feira, o 16, e o propio 17, “la concurrencia fue más numerosa que en años anteriores”, e a praza “ostentó una brillante iluminación a la veneciana”, queimáronse “con profusión” e sucaron o espazo “globos de diferentes formas y tamaños”, mentres as bandas da vila[iii] e de Ponteareas “amenizaron con sus acordes las veladas”.

Banda do Carballiño en 1913

Houbo ao tempo, segundo o xornal lugués, divertidos xogos de cucañas, bailes campestres, variadas funcións de maxia e recitados de versos no teatro. Desculpen a brincadeira, mais o xornal non nos informa se entre as voces líricas estaba a de Segundo García, O cisne, pero de certo que alguén semellante ao personaxe pardobazaniano habería.

Escusen os hipotéticos lectores e lectoras que recorra á  descrición de dona Emilia, aínda que sexa “in extenso”, para lembrar aquel noso obsesivo obxectivo de arreconchegarse o máis posíbel para ver as luces no ceo e evitar as canivelas, que nos empurraba a soportar, desculpen as vulgaridades, o invasor arrecendo a pachulí da señora enlacada en exceso, a penetrante suor viril, o arroto a polbo entretecido con viño e “caña” e mesmo as flatulencias resultantes dunha xornada de fartura.

Dona Emilia deixóunolo así:

“El primer cohete rasgaba el cielo con prolongadísimo arco luminoso, y su estallido, aunque apagado por la distancia, levantaba en la plaza un clamoreo. En pos de aquella centinela avanzada salieron unas tras otras, a intervalos iguales, ocho formidables y retumbadoras bombas de palenque (…).
Fueron los primeros cohetes vulgares y sin novedad alguna; un trazo de luz, un tronido sofocado y un haz de chispas. Más en breve les llegó el turno á las sorpresas, novedades y maravillas artísticas. Fuegos había que al estallar se partían en tres o cuatro cascadas de lumbre, y con fantástica rapidez se sepultaban en las profundidades del cielo; de otro se desprendían, con misteriosa lentitud y silencio, lucecillas violadas, verdes y rojas, igual que si los angelitos volcasen desde arriba una caja llena de amatistas, esmeraldas y rubíes. Caían las luces despacio, despacio, como lágrimas y antes de llegar al suelo se extinguían repentinamente. Lo más bonito eran los cohetes de lluvia de oro, que exhalaban caprichosamente una constelación de chispas, un chorro de gotas de lumbre tan presto encendidas como apagadas. No obstante, el regocijo de la plaza fue mayor ante los fuegos de tres estallos y culebrina. Estos no carecían de gracia: salían y estallaban como los cohetes sencillos, y de allí a poco soltaban una lagartija de luz, un reptil que bufando y haciendo eses correteaba por el cielo y se hundía de golpe en la sombra.(…)

Empezaba a arder el árbol por un extremo, al parecer no sin trabajo, escupiendo difícilmente chispas rojas; pero de súbito se comunicó el fuego a todo el artefacto, y brotó una flamígera rueda, una enorme oblea de luz verde y roja, que giraba y giraba y se expandía, soltando su cabellera de chispas volantes y atronando el espacio con ruido de metralla. Calló breves instantes y hasta estuvo próximo a extinguirse; tendióse un velo de humo rosado, y se vio detrás un foco de lumbre, un sol de oro que a poco se puso a dar vueltas vertiginosas, abriéndose y rodeándose de una aureola de rayos. Estos fueron apagándose uno por uno, y el sol menguado y quedándose chiquito hasta reducirse al tamaño de una candelilla, que dió perezosamente algunas lánguidas vueltas y, suspirando, falleció. (…) E o cativo, que era eu, non deu pechado a boca ata que o ceo volveu fica


[i] Entendemos que dona Emilia co de “americano gallego” refírese ao rico potentado Perfectino Viéitez Rodríguez. Mesmo con esa aparente inocencia na provocación tan empregada pola Pardo Bazán, nótaselle ben que non era do seu agrado este “parvenu” que lle disputaba espazo na cima da pirámide social a quen estivera de sempre nela, e dona Emilia era moi coidadosa da preeminencia da súa clase.

Perfectino Vieitez Rodríguez

Perfectino Vieitez naceu na Almuzara, parroquia de Xuvencos, concello de Boborás, en 1854. Emigrou á Arxentina, dedicándose a diversos negocios, entre outros ao comercio de pedras preciosas, amoreando unha inmensa fortuna. Ao seu regreso, continuou co negocio das xoias e estableceuse entre Barcelona e Madrid, relacionándose coa aristocracia e a monarquía, pero desprazándose con frecuencia a Ourense e sobre todo a súa casa da Almuzara, coñecida na actualidade como “Pazo da Almuzara”. Investiu en explotacións mineiras, unha delas, chamada “Nueva Pompeya”, e outra, “Dona Cristina”, na súa parroquia natal, renunciando á concesión en 1911. Promoveu a construción ou mercou diferentes edificios no Carballiño, Ourense, Lisboa, Amsterdam, B. Aires e Madrid. A prensa do momento refírese a el como “opulento” ou “acaudalado” capitalista. Destacou como benfeitor, por exemplo, doando a campá da igrexa do Carballiño, hoxe chamada “a vella” (El correo de Galicia, 10/03/1906), sufragando a restauración, en 1904, da cruz procesional da catedral de Ourense (El ancora, 11/5/1904) “adornandola con 243 piedras preciosas, engastatadas unas y colgantes otras” (Revista Artística Ilustrada de Galicia, 1/6/1936), facendo diversas doazóns á Biblioteca América da U. de Santiago (El eco de Santiago, 3/9/1927) ou afrontando os gastos diarios dos enfermos da súa parroquia durante a pandemia da gripe española (La correspondencia de España, 22/10/1918) que tamén lle afectou a el con gravidade e curou na “casa-palacio” da Almuzara (La correspondencia de España, 27/3/1919).

Na visita que Alfonso XIII fixo a Galicia, en marzo de 1914, o rei entrou en Ourense na carruaxe de Perfectino Viéitez que ademais fixo traer de Madrid libreas idénticas ás que empregaban os cocheiros e lacaios da casa real (La época, 14/3/1904; La correspondencia de España, 16/3/1904)), actitude que sen dúbida lle sería recompensada coa concesión da Gran Cruz da Orde Civil ao Mérito Agrícola (El siglo futuro, 22/10/1913; El imparcial, 23/10/1913). Actividade esta, a agraria, á que prestou atención se consideramos as gabanzas que lle deita a revista ilustrada Panorama (15/1/1928), de carácter latinoamericano, ao seu esforzo “intelixente e entusiasta”, como se fose “un agricultor, un ilustre agricultor” para incorporar avances científicos que melloren as especies e fagan abundantes as colleitas, ensinanzas que transmitía aos campesiños e estes recibían e aproveitaban, polo que, ademais de pola súa “personalidad hidalga y de sentimientos amabilisimos”, é ben merecente do recoñecemento que se lle fixo coa Cruz do Mérito Agrícola.

Os seus intereses na provincia de Ourense representábaos o avogado e político José Lorenzo Gil, amigo persoal de Bugallal, falecido en 1912. Lorenzo Gil foi varias veces presidente da deputación e gobernador, promoveu o xornal conservador La verdad (1884-1887). Perfectino Vieitez consideraba “especial amigo” a quen interviña como o seu “apoderado”.

É curioso como sobre un persoeiro de tanto relevo non se realizou, que saibamos, ningunha investigación por breve que sexa; por non ter nin ten entrada na wikipedia. Morreu solteiro e sen descendencia. A súa xenerosidade debeu ser tan grande como a riqueza que acumulou. Pola prensa intuímos os farturentos agasallos nupciais (xoias, terras, rendas, casas, banquetes) cos que cumprimentou a tres das súas sobriñas cando casaron; dúas na Almuzara, outra en Barcelona, onde Perfectino Vieitez e unha das súas irmáns residían habitualmente. A súa inmensa fortuna foi suficiente para asegurarlle a vida aos seus familiares. Faleceu no Carballiño o 25 de marzo de 1940 aos 86 anos.

[ii] El eco de Galicia, 11/10/1885.

[iii] Segundo Enrique Iglesias Alvarellos (Bandas de música de Galicia, Alvarellos, Lugo, 1986) a banda do Carballiño fundouse en 1877, aínda que, como vimos no capítulo anterior, non sempre pasou por bos momentos. Na foto de 1913, segundo Alvarellos, aparece, primeiro pola dereita, Xosé Antonio Rodríguez Puga, fundador das bandas dezás da Xesta e Bendoiro; á  súa beira o seu pai Roxelio, co cornetín. O bombardino, segundo pola dereita da última fila, é Serxio Pinal. O saxo alto da primeira fila é Evaristo Fernández e o barbudo do filiscornio Eladio de Maside, alcumado “o terror dos mares” pola admiración que espertaba onde tocaba. Todos eles músicos de longa memoria.


———————————————————————————————————-

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “