Medio Ambiente adxudica por case 85.000 euros as obras de mellora de varias rúas no concello de San Cristovo de Cea

As actuacións previstas, cun prazo de execución de tres meses, divídense en cinco zonas do casco antigo do núcleo e virán completar unha intervención anterior na que xa se acondicionara o pavimento dalgunhas zonas para uniformar o conxunto

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 84.553,32 euros, IVE incluído, as obras de humanización e mellora de varias rúas do concello ourensán de San Cristovo de Cea. Dos traballos encargarase a empresa Ingenieros Consultores Agrupados, S.L., e o prazo estimado no contrato para finalizar os traballos será de tres meses.
As actuacións de mellora levaranse a cabo en cinco zonas do casco histórico do núcleo de Cea, co fin de darlle continuidade a unha actuación xa iniciada noutra fase de humanización e lograr a uniformidade de todo o conxunto. Para lograr este obxectivo, apostarase por unha pavimentación idónea para o uso peonil e de tráfico lixeiro, principalmente na parte máis antiga do núcleo, orientada a mellorar a seguridade, a accesibilidade e, en definitiva, a mellora xeral da calidade das rúas.

AVANTAR ACTIVIDADES

A superficie total a acondicionar é de aproximadamente 1.295,79 metros cadrados e localízase no que constitúe o casco antigo do núcleo, integrado en gran parte por edificacións tradicionais. Na zona de actuación, ademais, atópanse algúns dos equipamentos municipais que prestan servizo a todos os habitantes do Concello, de aí a necesidade de acondicionala e adaptala á demanda actual da veciñanza como punto de encontro e de esparexemento.

Tal e como se xustifica no proxecto, o que se busca é a posta en valor destas rúas con condicións axeitadas de funcionamento para o seu uso e goce como elemento de relación e espazo de ocio na zona máis tradicional do núcleo de Cea. A mellora e a humanización deste espazo preténdese conseguir co acondicionamento das rúas en canto aos acabados dos pavimentos e das instalacións.

Cómpre lembrar que o núcleo de Cea presenta unhas zonas nas que xa se acondicionou a pavimentación para uso peonil e de tráfico lixeiro a base de formigón impreso a cor e bandas de granito gris que rompen co deseño continuo.

A nova actuación adxudicada pola Xunta pretende dar continuidade ás zonas nas que non se interviñera aínda, empregando acabados similares con formigón impreso e bandas perimetrais e transversais de granito para que o casco antigo presente unha uniformidade de tratamento no seu conxunto e mellorando estas zonas para uso peonil dos veciños de Cea