O Delegado Territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén visita as obras de construción das sendas peonís no concello de Pereiro de Aguiar

O novo representante do Goberno autonómico xunto co alcalde do municipio supervisaron estas actuacións que contan cun investimento de preto de 780.000 euros

.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, xunto co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, visitou esta mañá as obras de construción dos itinerarios peonís e ciclistas que se están a desenvolver na estrada OU-537, na contorna dos parques empresariais, e na OU-536, na Derrasa, no municipio de Pereiro de Aguiar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo explicou o delegado territorial “trátase da execución de dous treitos de senda mixta, peonil e ciclista, segura e accesible, nestas vías autonómicas e que supón un investimento de preto de 780.000 euros.”

A intervención define un itinerario outra na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade do encoro de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.

A outra intervención estase a construír na marxe dereita da estrada autonómica OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e a intersección coa OU-536, na Derrasa.

As sendas terán un ancho mínimo de 1,8 metros na OU-537 e de 2,5 metros na OU-536, e irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito. Executaranse con formigón coloreado.

Alén Castro indicou que os traballos, iniciados o pasado mes de setembro, contan cun prazo de execución de 6 meses.

Plan de Sendas

Estas actuacións, que serán cofinanciadas con Fondos Feder 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable, están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Ourense.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén se busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.