O Psdeg-Psoe leva ao pleno da Deputación de Ourense unha iniciativa para garantir o dereito de acceso á vivenda e un parque público que evite a especulación

A iniciativa pon en evidencia “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e ao seu “abrazo á especulación” e ás “campañas do medo” que só buscan crear falsas alarmas

AVANTAR ACTIVIDADES

“O acceso á vivenda é un dos principais problemas da mocidade e das clases medias e traballadoras”, salientan tras destacar que “só cando goberna o PSOE existe unha verdadeira política pública de vivenda”

O PSdeG-PSOE impulsa unha moción que se debaterá mañá no pleno da Deputación de Ourense, para garantir o dereito de acceso a unha vivenda digna e un parque público de aluguer que evite a especulación que se produce no mercado na provincia. A iniciativa pon en evidencia “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e ao seu “estreito abrazo á especulación”, polo que insta á Xunta a que “impulse políticas que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna, combatendo especialmente o uso da vivenda como un ben especulativo”.

Tamén reclama o “impulso prioritario do parque público de aluguer”; a “mobilización do gran parque de vivenda desocupada”; e “unha xestión máis eficiente, implantando modelos que se adecúen ás necesidades da poboación”.

Os socialistas explican que “a dereita está a intensificar unha campaña de medo, coa que pretende facer crer á opinión pública que existe un verdadeiro problema de ocupación, tentando xerar alarma social”. “O Partido Popular magnifica por intereses políticos un problema a día de hoxe minoritario”, denuncian antes de sinalar a baixa incidencia destes delitos nos últimos anos.

No 2019 houbo 238 condenas por violación de morada (ocupación dunha casa habitada, primeira ou segunda residencia) e 4.687 condenas por usurpación de ben inmoble (ocupación dunha vivenda baleira). Nese ano na Coruña rexistráronse 54 ocupacións, 40 en Pontevedra, e 7 en Ourense e Lugo. Neste 2020 so hai dúas vivendas ocupadas denunciadas na provincia, sendo a de menor incidencia de todo o Estado.

“Se analizamos os datos con perspectiva, decatámonos que os delitos sufriron un incremento notable durante os gobernos do PP”, destacan desde o PSdeG fronte a unhas cifras que “diminúen desde que o PSOE goberna”. Por exemplo, o delito de violación de morada pasou de 315 condenas en 2013 a 329 en 2017 e o de usurpación de inmoble pasou de 1.669 condenas en 2017 a 6.757 condenas.

Os grupo provincial dos socialistas resalta que estes datos permiten obter “varias conclusións obxectivas” como a “inexistencia dun problema social coa ocupación de vivenda habitada” e “un incremento na ocupación da vivenda baleira a pesar da baixada de casos no ano 2019, sen que chegue a ser preocupante”. Tamén destacan que, segundo o IGE, preto de 230.000 son vivendas baleiras, estando situadas un cuarto delas nas principais cidades de Galicia “xustamente onde a demanda é máis forte, especialmente no caso do alugueiro”.

“Os motivos obxectivos que explican o incremento durante os anos de goberno do PP son a falta de políticas públicas en materia de vivenda e o recorte de medidas sociais que axuden a familias en risco de exclusión social”, insisten. Ante esta situación de “anuncios alarmistas e amarillistas” e “de abandono deliberado do dereito constitucional á vivenda que sempre practica a dereita”, advirten que “é preciso desenvolver medidas potentes urxentemente” para “garantir ese dereito”, como o “impulso prioritario do parque público de vivenda en aluguer mediante a rehabilitación de edificios, aproveitando o parque xa existente e avanzando na innovación en vivenda”.

“O acceso á vivenda é un dos principais problemas da mocidade e das clases medias e traballadoras”, salientan antes de concluír destacando que “só cando goberna o PSOE existe unha verdadeira política pública de vivenda” que “pon o seu foco nas necesidades das persoas e non dos especuladores”.