Os socialistas solicitan “medidas urxentes” ante a “dramática situación” dos “sen teito” en Ourense pola a entrada en vigor do toque de queda e crise sanitaria

Esixen que o “microgoberno” de Jácome deixe a “inacción” e se habilite de forma inmediata un recinto ou recintos municipais onde poidan ter acollida coordinados con outros axentes sociais

Solicitan que se “poñan en marcha” os mecanismos municipais para “proporcionar toda a axuda e apoio necesario” a esas persoas mentres se manteña a situación recentemente decretada de estado de alarma

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense esixe, ante a inacción do “microgoberno” do Concello, que se avalíe a canto ascende o número de persoas sen teito na cidade, se habilite de forma inmediata un recinto ou recintos municipais onde poidan ter acollida e se flexibilicen as actuais normas de permanencia no albergue do transeúnte  debido á grave crise xerada por mor das novas medidas de confinamento e o toque de queda a partir das once da noite a cal provoca que as persoas nesta situación de vulnerabilidade non teñan onde recollerse.

Do mesmo xeito, solicitan que se “poñan en marcha todos os mecanismos municipais para proporcionar toda a axuda e apoio necesario” a esas persoas mentres se manteña a situación recentemente decretada de estado de alarma. Á marxe da situación social e sanitaria actual, para as persoas sen teito “a climatoloxía adversa propia desta estación do ano fai que teñan que refuxiarse en parques, portais ou caixeiros”; por iso tamén precisan máis ca nunca un “illamento e tratamento digno e axeitado”, requiren dende o grupo municipal.

“O empeoramento da crise sanitaria do COVID-19 tanto na nosa cidade como a nivel estatal e autonómico está a provocar paulatinamente a adopción dunha serie de medidas e restricións que están a afectarnos a todos”, aseguran os socialistas, pero dunha maneira máis “grave e crítica” a aquelas persoas que se atopan nun “maior risco de exclusión social”.

Nesta mesma semana, o equipo de “microgoberno” de Jácome afirmaba que non se ían a “tomar medidas adicionais” ante o agravamento da situación de todas estas persoas o que implicaba que “non se habilitarían novos espazos de acollida para as persoas sen fogar e para eles o albergue de transeúntes era suficiente” (conta con 20 prazas e un máximo de permanencia de 3 días por persoa), xa que non se trataba dun novo confinamento.

Os socialistas solicitan que o actual executivo deixe de “mirar cara outro lado” despois de “terse decretado o segundo estado de alarma” dos últimos meses, que incorpora o toque de queda das 23.00 ás 6.00 horas. “As persoas sen fogar que residen na nosa cidade, que en moitos casos se atopan enfermas, precisan dun espazo onde estar acollidos e atendidos, a lo menos mentres dure esta situación”, conclúen.

Por outra banda, consideran que o Concello de Ourense “debe pasar á acción, e en coordinación cos axentes sociais e sanitarios” -SERGAS, Cruz Vermella e/ou Cáritas- deben “habilitar con urxencia espazos municipais” e unha vez habilitados, de xeito “coordinado con outras organizacións ofrecerlles a atención e os recursos necesarios para garantir a súa saúde e Benestar”.

A prioridade actual do goberno municipal debería ser garantir que todos os veciños e veciñas dispoñan da máxima protección social, e máis aínda cando pertencen a grupos cun altísimo risco de exclusión, ante unha situación nunca antes vivida e que require medidas excepcionais tamén a nivel local.

“Ninguén debería seguir a permitir, e está na súa man, que esas persoas permanezan abandoadas á intemperie, desprotexidas ante o COVID-19 e sobrevivindo cada día sen maior atención que a solidaridade doutras persoas ou organizacións”, requiren.