PP, Ciudadanos e Miguel Caride queren perpetuar a xestión caciquil e escurantista que está a aniquilar a estación de montaña de Manzaneda

Alonso denunciou que “ou deixan de usar a instalación como un chiringuito e profesionalizan a súa xestión ou morrerá por inanición” e reclamou a volta ao consello de administración de Trives e Manzaneda

Villarino destacou “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas de vivenda e as “campañas do medo” que só buscan crear falsas alarmas ante o voto en contra de PP, Cs e o non adscrito Caride

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE impulsou unha moción no pleno ordinario do mes de outubro para que a Deputación de Ourense deixe de xestionar “caciquilmente” a estación de Manzaneda que, segundo os socialistas, nos últimos anos, o PP está a “manexar como un chiringuito e xoguete da familia Baltar”. A proposta recibiu os votos a favor de PSOE, BNG e DO, e os votos en contra de PP, Cs e o deputado non adscrito, Miguel Caride, que prefiren manter a pésima situación da única estación de montaña de Galicia.

A iniciativa instaba aos gobernos provincial e ao “cese da actual xestión escurantista”, para que “comecen a aplicar un modelo público, transparente e coa esixencia de que, quen estea á fronte, conte con experiencia e solvencia acreditada”. Tamén reclamaba á Xunta “nomear como membros do consello de administración de Meisa ao alcalde de Manzaneda e á alcaldesa da de Trives, para garantir a representatividade dos territorios e a transparencia na xestión”. Igualmente solicitaba á Deputación a que proceda “a concluír as obras de remodelación na estrada de acceso sen dilación”.

“Cando non conviña, durante o goberno bipartito da Xunta, a Deputación abandonou este barco”, recordou o deputado, Aurentino Alonso, en alusión á saída da Deputación do accionariado. “Os alcaldes de Trives e Manzaneda foron apartados dun xeito arbitrario”, denunciou logo de destacar como outros municipios de Granada ou Aragón si están nos consellos de administracións de estacións de montaña. “Non damos feito algo serio e que funcione”, advertiu tras sinalar como se denega aos socialistas, desde 2018, acceso a informes e documentos sobre Manzaneda, a pesar dos grandes investimentos públicos.

Alonso preguntouse se “hai plan de viabilidade” porque “non só é cuestión de investimentos” e “non se albisca ningún plan de futuro a pesar de que a competencia é moi grande na contorna”. “Ou deixan de usar a instalación como un chiringuito e profesionalizan a súa xestión ou morrerá por inanición”, declarou. Para o PSOE “o desleixo que Xunta e Deputación amosan coa dinamización da estación e as comarcas nas que se sitúa é recorrente desde hai lustros” cunha “xestión escurantista salpicada de problemas e irregularidades, especialmente desde que acordaron deixar fóra do consello de administración a Trives e Manzaneda”.

Problemática da vivenda

Os socialistas tamén impulsaron unha iniciativa para garantir o dereito de acceso a unha vivenda digna e un parque público de aluguer que evite a especulación que se produce no mercado na provincial. O texto foi rexeitado cos votos de PP, Ciudadanos e o deputado non adscrito, Miguel Caride. PSOE, BNG e Democracia Ourensana votaron a favor.

A moción evidenciaba “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e ao seu “estreito abrazo á especulación”, polo que instaba á Xunta a “impulsar políticas que garantan o acceso da cidadanía a unha vivenda digna, combatendo especialmente o uso da vivenda como un ben especulativo”. Tamén reclamaba o “impulso prioritario do parque público de aluguer”; a “mobilización do gran parque de vivenda desocupada”; e “unha xestión máis eficiente, implantando modelos que se adecúen ás necesidades da poboación”.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou “o desleixo continuado da dereita” coas políticas públicas nesta materia e as “campañas do medo” que só buscan crear falsas alarmas, posto que os datos “non avalan a alarma que pretenden crear”. “Só cando goberna o PSOE existe unha verdadeira política pública de vivenda”, insistiu tras esixir ao PP que “ou goberne ou deixe gobernar, pero fagan algo útil para a xente que representan”. “É preciso desenvolver medidas potentes sen demora” para “garantir ese dereito”, insistiu.

“Os motivos que explican o incremento durante os anos de goberno do PP son a falta de políticas públicas en materia de vivenda e o recorte de medidas sociais que axuden a familias en risco de exclusión social”, advertiu Villarino antes de preguntar aos grupos que votaron en contra –PP, Ciudadanos e o deputado non adscrito Caride– como van a explicar á veciñanza de Ourense que tomban unha iniciativa en favor de mellorar o acceso á vivenda, sendo unha das súas principais preocupacións.