Os socialistas rexeitan o “paripé mediático” de Jácome para cumprir o seu “soño americano”, que suporá unha irresponsabilidade grave para as arcas municipais e que acabará sendo “un proxecto vacío”
O Centro de Coñecemento de La Molinera é un “elemento singular e histórico para a nosa cidade” e tamén un “equipamento fundamental” para o Concello, na súa ubicación, e que “Jácome quere desmantelar”
O PSdeG-PSOE de Ourense revindica a necesidade de levar adiante o acordo plenario de todos os partidos políticos para manter o Centro de Coñecemento de La Molinera, aprobado no pasado pleno, e rexeitar o emprazamento do Centro de Intelixencia Artificial na súa ubicación. O grupo municipal tilda de “paripé de Jácome” a presentación do proxecto do que “agora non queren saber nada nin Feijóo nin Baltar”, aseguran, e que se basea na “colocación de asesores” para vestir o que non deixa de ser o seu “soño americano” a costa dos cartos dos ourensáns.
A “suposta” posta en marcha deste Centro de Intelixencia Artificial foi deseñada por Jácome en base á contratación dun Director Xeral de Intelixencia Artificial (David Olivieri) e tres asesores máis (persoal eventual) para exercer como informáticos, o que “incurriría nun posible de fraude de lei” xa que non poden desenvolver funcións máis alá do asesoramento ao equipo de goberno. Os socialistas piden ao alcalde que cese no dispendio de cartos de tódolos ourensáns nun proxecto no que él mesmo calificou como “un cortello no que agora hai que poñer os porcos”
Dende o grupo municipal socialista aseguran que “o proxecto que, como xa advertimos en numerosas ocasións, é inviable e que esixe unha financiación desorbitada coa que nin sequera contan nin contarán nun futuro”, e asume “competencias enmarcadas noutros ámbitos que non son os de carácter municipal”. Ademáis das trabas que se lle sumarán ao non contar “nin co apoio da Xunta de Galicia nin tampouco da Deputación Provincial de Ourense”.
“Un dispendio de diñeiro público que engrosou o capítulo do persoal de confianza municipal e que pretende ir en aumento sen outro obxectivo que o de que Jácome teña o seu xoguete, sen maior esperanza a que co tempo todo quede diluído en fume”, aseguran.
Para os socialistas o Centro de Coñecemento de La Molinera xa é un “elemento singular e histórico para a nosa cidade” e tamén un “equipamento fundamental” para o Concello de Ourense na ubicación na que se atopa. Do mesmo xeito que supón unha infraestrutura pola que “loitaron e traballaron todos os representantes municipais de distintas cores políticas”, e que agora entenden que “de ser trasladado perderá toda a súa esencia” e acabará “desmantelado e sen funcionamento”; simplemente para deixar paso a un suposto Centro de Intelixencia Artificial que “xera serias dúbidas tanto a súa creación, como o seu funcionamento e futura viabilidade”.
“Unha ocorrencia máis dunha persoa cuxas prioridades distan moito das necesidades dunha cidade que atravesa unha grave crise sanitaria” e que debe
“afrontar dunha vez por todas o abandono” no que se atopa, especialmente nos últimos 5 anos, pola “falta de dilixencia política e capacidade do Partido Popular e Democracia Ourensana”, conclúen.