A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vai apoiar este ano un total de 1711 familias galegas para que poidan instalar nos seus fogares proxectos de enerxías renovables cos que poderán aforrar 900.000 euros anuais nas súas facturas enerxéticas.
A Xunta convocou este ano un total de tres liñas de axudas destinadas a particulares coas que se concederán ao redor de 5,5M€ que permitirán mobilizar 12,5M€ no sector -o que redundará na reactivación económica desta actividade, así como no mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo-, ademais de contribuír a un aforro anual de enerxía de 17.000 MWh e a redución de 5000 toneladas de emisións de CO2.
En concreto, un total de 997 familias recibirán axudas para a implantación de proxectos de enerxías renovables térmicas. En concreto, para o uso de biomasa, xeotermia, aerotermia e enerxía solar térmica. Os proxectos de enerxía fotovoltaica chegarán a 514 fogares de Galicia que recibirán unha axuda de ata 5500 euros no caso de vivendas individuais e de 25.000 para comunidades de propietarios. Mentres que se instalarán outras 200 caldeiras de biomasa que recibirán un máximo de 60.000 euros por proxecto.
Con este conxunto de medidas preténdese contribuír á reactivación da economía da Comunidade e á mellora da calidade de vida dos galegos e galegas apostando pola eficiencia enerxética e potenciando as enerxías renovables, en especial as de carácter autóctono, para conseguir unha Galicia máis verde.