A Deputación aposta por Castrelo como referente en remo

Videoconferencia do Comoté organizador da “Coupe de la Jaunesse” 2022. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense), José Ramón Lete Lasa(Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia), Cesar Fernández Gil (Alcalde do Concello de Ribadavia), Avelino Pazos Pérez (Alcalde do Concello de Castrelo de Miño), José Manuel Rodríguez Lamas (Alcalde do Concello de Cenlle), Asunción Rosario Loriente (Presidenta da Federación Española de Remo), Manuel Pérez (Xefe de Deportes da Xunta en Ourense), Manuel Seijas (Presidente Federación Galega de Remo), Javier Soto (Director de Caldaria), Beatriz Alberte (Presidenta do Clube Náutico de Castrelo de Miño), Felipe García Pertierra (Director Técnico da Federación Española de Remo) e Gabriel Fernández Vázquez (Técnico do Clube Náutico de Castrelo de Miño).

Cooperación institucional para potenciar ao Parque Náutico de Castrelo de Miño como referente nacional e internacional. Esa é a conclusión da reunión celebrada hoxe por videoconferencia, na que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, e o secretario xeral para o Deporte, José Manuel Lete, concordaron en acometer novos proxectos e competicións punteiras -como a “Coupe de la Jeunesse”, que se disputará en 2022- para seguir impulsando a mellor infraestrutura galega do remo. 

Na reunión, que Baltar e Loriente seguiron desde o Pazo Provincial acompañados polo ex xerente do Inorde José Manuel Rodríguez, participaron tamén José Ramón Lete; os alcaldes de Castrelo de Miño, Cenlle e Ribadavia; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; a presidenta do Club Náutico de Castrelo de Miño, Beatriz Alberte; técnicos das federacións española e galega de remo, e o xerente de Caldaria, Javier Soto. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Todos acordaron acometer investimentos na pista de remo do parque náutico de Castrelo de Miño para que estea preparada antes do vindeiro verán, co obxectivo de fortalecer os preparativos para a celebración da “Coupe de la Jeunesse” de 2022. 

Manuel Baltar afirma que hai “unanimidade e concienciación total sobre a condición de Castrelo de Miño como capital do deporte náutico de Galicia e das magníficas instalación coas que conta o CERLAC -o centro de adestramento de Castrelo, Arnoia e Laias (Cenlle)- como pivote dunha estratexia que da visibilidade a Ourense no ámbito deportivo e tamén dentro do plan de turismo deportivo que presentamos en FITUR hai uns anos”. O presidente do goberno provincial sinala que a preparación da Copa da Jeunesse “significa traballar xa para que sexa un éxito mundial. Será a primeira de moitas probas internacionais de gran relevo, coa acreditada capacidade organización que temos en Ourense”.  

Na reunión tamén se acordou a creación dun instrumento administrativo, en forma de consorcio ou con outra fórmula xurídica, “para dotar de estabilidade ao parque náutico de Castrelo de Miño, con independencia de cores políticas e das diferentes situacións que acontezan. Trátase de darlle rigor e certeza ao futuro desta infraestrutura –afirma Baltar-, e nas próximas semanas redactarase o borrador desa fórmula xurídica que aglutinará ás entidades federativas, administracións públicas e clubs, para dotar ao parque náutico desa solidez que precisa, para que non quede só nunha aposta deportiva para unha competición determinada senón que trace unha estratexia duradeira e estable que consolide e marque a Castrelo de Miño como un referente provincial, galego, nacional e internacional”, expresa Manuel Baltar.