O BNG de Barbadás urxe ao goberno local a que a biblioteca pública “Manuel María” permaneza aberta tamén polas tardes

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás entenden que é preciso ampliar o horario da biblioteca para permitir que os alumnos e usuarios que polas mañás están en aulas ou traballando, poidan facer uso dela

Os concelleiros Sarín Núñez e Carlos González, lembran que no pasado pleno do mes de outubro, presentaron unha pregunta relativa ao horario da biblioteca pública municipal que só abre polas mañás e para saber se dito horario se vai perpetuar no tempo, xa que, entenden desde o BNG, e segundo manifesta o seu voceiro Sarín Núñez, “é un servizo o suficientemente importante como para que soamente preste servizo polas mañás, momento no que a meirande parte do alumnado, a gran maioría dos cales son potenciais usuarios, está en aulas”. Algo moi similar acontece con todos aqueles que traballan principalmente polas mañás “e facían uso deste servizo polas tardes. O horario actual deste servizo imposibilita que moita veciñanza poida acudir a el”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o Grupo Municipal do BNG, aluden á situación noutros municipios da provincia para reclamarlle ao goberno local do Concello de Barbadás que amplíe o horario da biblioteca e proceda a súa apertura tamén polas tardes e incluso, a que se a demanda é suficientemente importante, tamén o faga os sábados pola mañá.

Para o voceiro nacionalista de Barbadás Sarín Núñez “é incomprensíbel a situación na que se atopa a biblioteca do concello, non compartimos ademáis o argumento tantas veces empregado polas autoridades locais de que é consecuencia da situación de pandemia”, xa que como ben afirma o concelleiro Núñez “non é de recibo que a nosa biblioteca siga a funcionar só en horario de mañá agardando a que se normalice a situación do COVID-19, xa que non sabemos cando se producira esto, Polo que establecendo o sistema de cita previa ou outro que se considere mellor, solicitamos que se modifique o horario de apertura deste servizo para dar cobertura tamén en horario de tarde”.

Polo exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do BNG en Barbadás presentará unha moción ao pleno do concello para que o conxunto da corporación se pronuncie e ínste ao goberno local a modificar o horario da biblioteca pública municipal de Barbadás “Manuel María” para que o seu horario sexa de mañá e tarde, e os sábados pola mañá, sempre baixo demanda. Debendo, eso sí, arbitrarse un protocolo de funcionamento deste servizo coas medidas establecidas na lexislación anti-covid.