No percorrido polas instalacións, estivo acompañado polo seu presidente, Juan Casares e o alcalde do concello, César Fernández.
PUBLICIDADE

Todos, coincidiron nas excelentes condicións deste novo emprazamento que dotará ao Consello Regulador de máis operatividade e mellor servizo á cidadanía. En palabras do delegado territorial, “esta entidade, que conta máis de 5.500 viticultores rexistrados e 115 bodegas e colleiteiros adscritos, forma un tecido produtivo que propicia unha produción media de 14 millóns de quilos de uva, conformando un patrimonio vitivinícola no que se representa a esencia galega pola súa paisaxe, territorio e factor humano; por iso, a Xunta sempre atenderá ás súas necesidades”.
O espazo para a nova sede do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, situada no número 3 da rúa Redondela, nos pisos superiores á Oficina Agraria Comarcal, Correos e a Policía Local de Ribadavia, foi cedido pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para un mínimo de 32 anos. As obras de reforma, que comezaron hai uns meses, e que consistiron na remodelación dos 616 metros cadrados construídos, foron financiadas integramente con fondos propios do Consello Regulador.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro mellorou o edificio para corrixir problemas de humidades procedentes da terraza e outros defectos estruturais. As novas instalacións emprazáronse no segundo andar e a baixo cuberta do antigo Centro Comarcal do Ribeiro, situado na rúa Redondela, 3 no concello de Ribadavia, onde se atopa tamén a Oficina Agraria Comarcal.
Juan Casares comentou que “estrear nova sede do Consello Regulador fai que cumpra outro dos compromisos adquiridos no inicio desta andadura como presidente e con ela contaremos cunhas instalacións máis adecuadas ás necesidades dos viticultores, colleiteiros e adegas. Son unhas instalacións á altura da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.”