Baltar advirte das “graves consecuencias” que pode provocar que o Goberno deixe sen fondos COVID a provincias e municipios

O presidente da Deputación de Ourense e membro da Xunta de Goberno da FEMP, Manuel Baltar, advertiu hoxe das “graves consecuencias” que pode provocar o feito de que o Goberno de España “deixe ás provincias e municipios sen fondos COVID-19”. Neste sentido, pide a celebración dunha sesión “urxente e extraordinaria” da Xunta de Goberno da FEMP “para valorar a postura do gabinete de Sánchez, quen, como desquite, quere cobrarse o seu fracaso de tentar apropiarse dos aforros das entidades locais, algo que lle tombaron no Congreso e que agora quere emendar adoptando medidas de absoluto desprezo contra o municipalismo e a poboación, como reflicten os Orzamentos Xerais do Estado ( PGE)”. Baltar afirma que “deixar sen marxe de manobra ás entidades locais fronte a unha pandemia que está a golpear a saúde e a economía é un signo de desprezo cara á poboación de provincias e municipios, pero tamén un síntoma da debilidade do Goberno, que desde marzo foi incapaz de facer fronte á xestión desta crise con eficacia e cun rumbo claro, dando, pola contra, bandazos constantes nos ámbitos sanitarios, sociais e económicos, coas consecuencias que estamos a padecer, sendo un dos peores países en canto á incidencia da pandemia”. O presidente da Deputación de Ourense sostén que a “gran mentira” do Goberno de España “reflíctese en que, nas contas do Estado, o destino dos fondos europeos decantouse cara ás comunidades autónomas, que xestionarán un 54 % (18.793 millóns), fronte ao 4,28 % (1.483 millóns) que recibirán os concellos, do mesmo xeito que ocorre coas transferencias do Estado”, e engade que o Executivo “eliminou dos PGE os fondos COVID-19 de axudas incondicionadas prometidos para municipios e provincias; nin este ano nin en 2021 as deputacións e concellos recibirán un só euro dos fondos incondicionados de 5.000 millóns e o de 1.000 millóns para rescatar o transporte urbano, o que deixa ben ás claras que para Sánchez o municipalismo é unha administración de segunda”. Baltar asegura que “a propaganda, as reunións e os anuncios baleiros de contido acaban descubríndose, e fronte a iso, o que necesitamos en provincias e municipios son certezas para as familias, os autónomos, os comerciantes e as empresas, algo que Sánchez e os seus orzamentos ignoran por puro interese partidista e revanchista”.