Gonzalo Caballero anuncia que os socialistas firman a moción de censura en Ourense e chama a “corresponsabilidade” de todas as forzas: “cada un terá que retratarse”
O secretario xeral subliña que “só hai dúas opcións” para
a terceira cidade de Galicia: ou manter “o caos municipal” provocado polo PP
con Jácome ou apostar por “unha nova etapa” con Rafael Rodríguez Villarino á
fronte
O líder do PSdeG sinala a Feijóo que “ten que decidir” se quere “o cambio” en Ourense ou “manter a Jácome onde o puxo” a través do “pacto da indignidade” con DO
AUDIO
PUBLICIDADE ELECTORAL
O voceiro socialista en Ourense advirte ao PP de que “non pode evadir a súa responsabilidade” e indicalle que poña “unha firma” se “de verdade lle importa a cidade”
O secretario xeral do PSdeG,
Gonzalo Caballero, visitou hoxe Ourense para anunciar que “poñemos sobre a mesa
as firmas dos nove concelleiros e concelleiras socialistas para impulsar unha moción
de censura que permita solucionar a situación crítica da cidade” e chamou ás
demais forzas políticas a actuar con “corresponsabilidade”. “Cada un terá que
retratarse do que quere para Ourense: que goberne a lista máis votada ou que
siga a crise municipal”, resumiu.
No escenario “máis grave de
ningunha cidade de España”, o líder socialista deixou claro que “só existen
dúas opcións” para Ourense, que pasan por que Rafael Rodríguez Villarino abra
“unha nova etapa” á fronte do concello ou que se manteña “o caos municipal”.
“As nove firmas do PSdeG-PSOE están depositadas para unha moción de censura, e
corresponde aos demais engadir o seu respaldo”, subliñou.
Así pois, Gonzalo Caballero
remarcou “o compromiso” do PSdeG con “dar un cambio de progreso” a Ourense,
“para traballar nestes tempos de crise polo futuro da cidade con
responsabilidade”. E contrastou este comportamento coa actuación do PP, que,
logo de “xerar o problema” a través do “pacto da indignidade” asinado con
Jácome, agora “non quere asumilo e desculparse ante a cidadanía”.
“Nós cremos que o cambio é
necesario, e que os que xeraron o problema agora teñen que permitir
solucionalo”, incidiu o xefe de filas do PSdeG, quen recordou como Feijóo
“botou balóns fóra” cando el mesmo o levou á Cámara galega a dar contas sobre
este asunto. Por iso, fixo un chamamento a Feijóo “para que decida que quere
facer coa terceira cidade de Galicia: se quere un cambio ou quere manter a
Jácome onde o puxo” a cambio de que Baltar seguise á fronte da Deputación.
“DAR UN PASO ADIANTE”
“É o único alcalde que puxo o
PP nas cidades galegas e agora Feijóo está agochado”, evidenciou Gonzalo
Caballero, quen reprobou que o PP estea “intentando enredar” e deixando pasar o
tempo nunha estratexia que “parece encamiñada a que Jácome siga na alcaldía”.
“Nós damos un paso adiante para
desatascar esta crise e evitar a súa cronificación, que sería perversa para a
cidade”, advertiu, á vista de que quedan aínda máis de dous anos de mandato
municipal. “Dicimos á cidade que o PSdeG quere referenciar un goberno de
progreso en Ourense, e estamos abertos ao diálogo”, recalcou.
Así pois, afondou Gonzalo
Caballero, “poñemos todos os vimbios” para resolver a “inestabilidade”
municipal de Ourense, cidade que agora mesmo lidera un alcalde “atrincherado”
con dous concelleiros “fronte a outros 24 que piden a súa dimisión”. “E o PP
ten que posibilitar a solución”, remachou.
“UNHA FIRMA”
Así as cousas, o voceiro
socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sentenciou que “é tempo de
que o PP deixe de xogar coa cidade”. “Non pode evadir agora a súa
responsabilidade”, advertiu.
De feito, explicou que a
decisión de impulsar a moción de censura parte de que “estamos cansos de xogos
e de falsas promesas”. “Se ao PP de verdade lle importa Ourense, que dea un
paso adiante. Só se lles pide unha firma”, concretou.
“A única vía para cambiar o
goberno de Ourense é firmar a moción de censura. Está a disposición de todos”,
remachou Rafael Rodríguez Villarino.
Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Se continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo.Estou de acordoAviso legal e Privacidade