Carmen Rodríguez Dacosta acusa ao goberno galego de ter “abandonado á súa sorte” ao Parque do Xurés, deixando que arda a metade da superficie protexida dende que goberna Feijóo
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta presentou hoxe unha pregunta oral na Comisión de Agricultura para reclamarlle á Xunta que recupere a coordinación dos traballos de prevención e loita contra os incendios que cada ano asolagan o Parque do Xurés. Acusou ao goberno galego de ter “abandonado á súa sorte” ao Parque, como evidencia que dende que goberna Feijóo ten ardido a metade da súa superficie.
Dacosta advertiu que “a día de hoxe non nos consta que exista a coordinación necesaria con Portugal, así como o estudo das causas duns incendios que veñen sendo recorrentes e catastróficos”. Instou ao goberno galego a recuperar a boa sintonía e colaboración co goberno portugués que si que tiña en marcha o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, e que foi abandonada dende que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta.
A responsable socialista sinalou o estudo do profesor de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo Juan Picos, coordinador do informe sobre a cooperación transfronteiriza do Eixo Atlántico, que urxe a impulsar a cooperación co Norte de Portugal en prevención, vixilancia e mesmo na extinción de incendios como unha das mellores oportunidades para mellorar a situación nun parque que se estende ás dúas beiras da fronteira con Portugal.
Este novo enfoque permitiría unha maior eficiencia, optimizando recursos conxuntos na fase de extinción, coordinando os medios dispoñibles, colaborando entre as distintas axencias e administracións ou coa análise compartida da produtividade e rendibilidade das actuacións.
Sinala que actualmente “a protección fronte aos incendios nunha zona tan rica en patrimonio natural é inexistente” por parte dun goberno que en lugar de rectificar a súa fracasada política de prevención de incendios optaron pola “política de deixar facer” no parque natural. Lamentou que perderan a oportunidade de aplicar as medidas propostas pola Comisión de Estudo dos Incendios Forestais, pasando á acción contra os incendios.
A parlamentaria ourensá reivindicou unha política preventiva “intervencionista” adaptando a ordenación do territorio, profesionalizando a silvicultura, ou impulsando a creación de montes ordenados e produtivos.
pregunta
Carmen Rodríguez Dacosta, Martín Seco García, Marina Ortega Otero e Juan Carlos Francisco Rivera, deputadas e deputados pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
O parque Natural Serra do Xurés pertence a Reserva da Biosfera Transfronteriza Geres-Xurés declarada no ano 2009 cunha superficie total 330.874 hectáreas. Sitúase o sudoeste da provincia de Ourense, entre España- Portugal. En Portugal sitúanse 267.958 ha y en Galicia 62.916 hectáreas.
En Galicia comprende os concellos de Entrimo, Calvos de Randín, Bande, Lobeira, Lobios Muíños.
E comprende títulos tan relevantes como son os seguintes: Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “Baixa Limia – Serra do Xurés”, de 31.287 ha; zona Especial de Conservación (ZEC) “Baixa Limia”, de 33.920 ha; Parque Natural “Baixa Limia – Serra do Xurés” de 29.345 ha; zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) “Baixa Limia-Serra do Xurés” de
31.287 ha e “Baixa Limia” de 33.920 ha.; Parque Nacional da Peneda Gerês (Portugal); SIC Serras da Peneda e Gerês; Reserva Bioxenética Matas de Palheiros Albergaria; Re de Reservas Bioxenéticas do Consello de Europa.
Este espazo natural conta cunha rede hidrográfica densa, ecosistemas en bo estado de especies de fauna e flora de excepcional interese para a conservación da natureza e a biodiversidade. E con un importante patrimonio natural e cultural.
A pesares de todo isto, a protección fronte os incendios dunha zona tan rica en patrimonio natural é inexistente ademais de que non nos consta que exista unha coordinación entre a Xunta de Galicia e a Administración do país veciño, Portugal, na especial protección e desenrolo desta zona, así como no estudo das causas dos incendios que veñen tendo lugar dende o ano 2016.
No ano 2016, 3.000 hectáreas foron arrasadas polo incendio ocorrido no parque natural no concello de Entrimo.
Este mesmo fin de semana de setembro o Parque Natural, no concello de Lobios, está a sufrir de novo o drama do lume, e no mes de agosto do presente ano, concretamente o dia 8 , un hidroavión portugués que traballaba na extinción do incendio forestal rexistrado en Lobios, sufriu un accidente cun resultado dun piloto morto e outro piloto ferido.
En relación con esta situación de incendios continuados no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés dende o ano 2016, as deputadas e os deputados que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate en Comisión:
1. Cantos incendios forestais se produciron no Parque Natural Baixa Limia- Serra Xurés dende o un de xaneiro de 2016 ata a actualidade?
2. Que superficie se viu afectada polos incendios producidos entre o un de xaneiro de 2016 ata a actualidade no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés? (Con distinción de zona rasa e arborada)
3. Cal é a valoración económica dos danos producidos polos incendios acontecidos entre o un de xaneiro de 2016 ata a actualidade no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés?
4. Cales foron as causas que provocaron os incendios acontecidos entre o un de xaneiro de 2016 ata a actualidade no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ?
5. Cantos grandes incendios de máis de 500 hectáreas se produciron entre o un de xaneiro de 2016 ata a actualidade no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés? Especificando concellos e áreas afectados.
6. E certo que algunha Comunidade de Montes presentou dende o ano 2016 ata a actualidade plans de defensa contra incendios e a dia de hoxe a Consellería de Medio Rural non lle deu contestación?
7. Que coordinación se desenvolve entre a Consellería de Medio Rural e a Administración portuguesa competente en materia de incendios e de desenvolvemento da reserva da biosfera Xurés-Gerés, con indicación de reunións, seminarios ou mesas de traballo que foran convocadas dende o 1 de xaneiro de 2016 ata a actualidade?
8. Que medios se empregaron en prevención de incendios dende o ano 2016 a la actualidade no Parque Natural Baixa Limia-Serra Xurés con indicación da cuantificación económica?