Un centenar de expertos en turismo sostible analiza o potencial do Limia-Lima na eurorrexión

A Deputación de Ourense organiza, unha xornada online para fomentar novas oportunidades para territorios rurais e presentar de forma oficial o proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Fronteira Esquecida Limia-Lima, co-financiado pola Unión Europea. O obxectivo deste proxecto europeo é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna, así como desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que realce o aproveitamento turístico da zona. O acto será inaugurado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contará coa presenza do presidente da CIM Alto Minho, José Maria Costa.

Un centenar de expertos en turismo sostible, representantes institucionais, empresariais e de entidades sociais danse cita hoxe na xornada que organiza a Deputación de Ourense para analizar as potencialidades turísticas do río Limia-Lima na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Deputación lidera este proxecto, denominado “Fronteira Esquecida”, co-financiado pola UE a través do Programa INTERREG V España Portugal. O obxectivo, segundo expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto inaugural da xornada, organizada por videoconferencia, “é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna, así como desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que realce o aproveitamento turístico da zona como un xeodestino turístico de calidade e sostible”.

Baltar salientou ao reto demográfico como “unha oportunidade para equilibrar territorios e para que a poboación teña os mellores servizos públicos contando co apoio dos fondos comunitarios”, e remarcou que o eixo de “Fronteira esquecida” “é o crecemento sostible baseado na xestión dos recursos naturais, promovendo a súa eficiencia. Para elo –dixo- a cooperación é clave e a perfecta planificación e execución do proxecto levará ao éxito a esta iniciativa, cuxo presuposto supera os 1,6 millóns de euros, dos cales o FEDER aporta o 75 %”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao longo da xornada desenvólvense relatorios dirixidos a identificar accións para a revalorización e conservación dos espazos naturais e dar a coñecer novas oportunidades baseadas no aproveitamento do potencial dos territorios rurais. En concreto, na charla “Retos e oportunidades dos territorios rurais”, moderada polo xefe de servizo de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez, interveñen o director conservador do Parque Nacional de Garajonay (A Gomera), Anxo Fernández López, e a administradora delegada de Adere-Peneda Gerês, Sónia Almeida. E o relatorio sobre “Turismo sostible”, moderado polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, conta coa coordinadora da área de Turismo da Mancomunidade da Subbética, Cati Molina Rodríguez; o xerente de Oleosetin e membro do Clúster Turismo de Estremadura, Luís Miguel Martín González, e a directora do Carmo’ s Boutique Hotel, María do Carmo Fernandes.

O proxecto Fronteira Esquecida ten previstas varias actividades para relanzar o espazo do río Limia-Lima como un destino turístico de calidade e sostible, así como para protexer e valorizar o patrimonio cultural e natural como base económica da rexión transfronteiriza. Entre elas atópase a elaboración dun relato histórico conxunto, o deseño de rutas, a xestión de recursos e itinerarios turísticos e a promoción do destino a través das novas tecnoloxías.