O Psdeg reclama o apoio de todas as forzas: “os que non queren a moción de censura retrátanse como bufóns de Jácome”

O secretario de Organización esixe ao PP que “respecte” ao candidato máis votado despois de ser “o peor alcalde ata que chegou Jácome”

Francisco agradece ao BNG o seu apoio á moción de censura, que xa suma 11 votos, e insta a Cs a seguir “o camiño da rexeneración, como defende Arrimadas” no canto de ser “un apéndice de Baltar”

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, subliñou hoxe que “todos os que rexeiten firmar á moción de censura para relevar a Jácome están condenando á cidade a seguir catro anos máis no ostracismo” tralos catro anos “desastrosos” do PP con Jesús Vázquez como alcalde. “Os que non queren a moción de censura retrátanse como bufóns de Jácome”, remarcou.

Un día despois de depositar o texto da moción de censura, o dirixente socialista censurou que o PP está “inventando escusas” para impedir que chegue a presentarse. “O PP quere que Jácome siga na alcaldía”, acusou, consciente de que “só así se explican os seus continuos vetos e as condicións ficticias tralas que están tentando agocharse”.

“Como se atreve o PP a dicir que non pode ser alcalde o candidato que gañou as eleccións municipais en Ourense, á fronte da lista máis votada? O PP estalle faltando ao respecto á cidadanía”, sinalou Francisco, quen recriminou ao PP que pretenda “seguir xogando con Ourense dende o despacho de Baltar”.

Ao respecto, advertiu a Ciudadanos de que “non actúe como un apéndice de Baltar e do PP, o partido que tanto dano leva feito a esta cidade e a toda a provincia de Ourense”, e reclamoulle que siga “o camiño da rexeneración que defende Inés Arrimadas” e que a está levando a negociar os orzamentos xerais do Estado co goberno progresista.

En paralelo, o secretario de Organización do PSdeG ourensano agradeceu ao BNG o seu apoio para a moción de censura, a única vía que permite “abrir futuro” para a cidade. “Xa temos 11 votos para desaloxar a Jácome; o PP e Ciudadanos terán que decidir que papel queren xogar”, sentenciou, ao tempo que advertiu que “a cidadanía saberá tomar nota do que está facendo cada un” nesta situación.