O delegado territorial da Xunta en Ourense reúnese coa presidenta da AECC

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, dentro súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial, recibiu esta mañá á presidenta da AECC (Asociación Española contra o Cancro), María Isidora Gómez.

Gabriel Alén louvou o traballo desta organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntarios, colaboradores e profesionais que teñen como finalidade mellorar a vida das persoas tralo impacto causado pola enfermidade do cancro. Así mesmo, interesouse polos proxectos que esta organización, de ámbito nacional, está a desenvolver na provincia e sobre as súas iniciativas de futuro.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial amosoulle o apoio do Goberno galego e informouna das liñas de colaboración a nivel autonómico (AECC Galicia) dispostas ao abeiro das axudas a entidades de inclusión social 2020 – 2022 e as axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, que no ano 2019 sumaron máis de 128.000 euros.

A área sanitaria de Ourense ten a disposición da AECC a cesión de tres salas. Unha no Hospital Universitario de Ourense concretamente no Hospital Santa María, Nai na que exerce unha educadora social; outra no Hospital do Barco de Valdeorras, e na que está a traballar unha psicóloga; e unha terceira, no Hospital de Verín onde desenvolve a súa tarefa profesional unha traballadora social.

Na actualidade, a Asociación Española contra o Cancro en Ourense conta con tres liñas de actuación. A primeira, actividades de voluntariado que ten como obxectivo o acompañamento ao paciente oncolóxico e á súa familia e na que se inclúe a suplencia ocasional do coidador principal para o seu descanso físico e o apoio emocional. A segunda, denominada Carriño Don Amable, ofrece publicacións de lectura, bebidas e alimentos autorizados polo persoal asistencial no Hospital de Día Oncohematolóxico, sala de espera de oncoloxía e radioterapia do Hospitalario Universitario de Ourense. E finalmente, o Programa Primeiro Impacto que trata de prestar asistencia aos pacientes e familiares cando así o requiran, así como informar sobre os recursos propios da AECC e do Sergas, e identificar as necesidades de apoio social ou psicolóxico dos doentes e das familias.