Castrelo acolle este domingo o campionato galego de remo

Ás 10.30 horas: Campionato galego de remo alevín e infantil.- Presentación do Campionato galego de remo alevín e infantil, que se celebrará en Castrelo de Miño. No acto participan: o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o Alcade de Castrelo de Miño, Avelino Pazos Pérez; o concelleiro de Deportes de Castrelo de Miño, José Antonio Ferreiro; o presidente da Federación Galega de Remo, José M. Seijas; e o xefe do Servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez. A cobertura informativa da rolda de prensa (redactores e gráficos) deberá realizarse exclusivamente por vía telemática a través da web da Deputación de Ourense (enlace: http://depourense.seneca.tv/live).

O parque náutico de Castrelo de Miño acolle o vindeiro domingo o campionato galego de remo olímpico nas categorías alevín e infantil, masculino e feminino. O evento, que foi presentado hoxe no Pazo Provincial, conta co apoio da Deputación de Ourense e nel participarán 13 equipos procedentes de toda Galicia. As distancias que percorrerán na pista náutica de Castrelo serán 500 metros na categoría alevín e 1.000 metros na categoría infantil. 

A presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e José Antonio Ferreiro, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; e o xefe do Servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Rosendo Fernández destacou “a cooperación entre as diferentes institucións, o que fai posible a organización e desenvolvemento da proba e tamén planificar proxectos futuros para o parque náutico”, e o alcalde de Castrelo de Miño amosou “a nosa máxima colaboración para que este mar do Ribeiro sexa tamén de toda a provincia de Ourense e seguir cooperando para potenciar os deportes náuticos”, dixo Avelino Pazos. Neste sentido, o presidente da Federación Galega de Remo salientou que Ourense “é o maior mar interior de Galicia e o mellor sitio para o remo”, mentres que Manuel Perez agradeceu a todas as entidades públicas e privadas “o traballo conxunto que realizan para levar a cabo esta proba”. 

O domingo, o comezo das regatas será ás 10.30 horas e a hora prevista para a entrega de medallas será ás 13.30 horas. Os clubs participantes proceden de Ourense, Lugo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Moaña.