Comunicado do PP: A falta de autoridade do alcalde perxudica gravemente ao comercio local.

O alcalde debe dar á policía local as órdenes que lle trasmiten da Xunta de Galicia, e non deixar a interpretación da normativa de restricións a outros.

O alcalde do Carballiño ten instruccións claras por parte da Xunta de Galicia sobre como aplicar correctamente as normas de restriccións que afectan ao Concello do Carballiño, e máis en concreto as normas que afectan ao peche perimetral con relación aos Concellos da nosa contorna, dos que somos cabeceira de comarca.

AVANTAR ACTIVIDADES

Faise preciso que transmita á policía Local do Carballiño con claridade, contundencia e autoridade o que lle vén dado dende a Xunta de Galicia, que é quen fai as restricións e quen, ademáis, está para aclarar calquera dúbida sobre como actuar. O alcalde nunca debe deixar en mans doutros a interpretación sobre a normativa.

Non pode ser que pola falta de autoridade sexa xusto o Alcalde do Carballiño o que esté a prexudicar a negocios do noso pobo, que se ven privados de clientela de concellos da nosa comarca; prexudicando tamén a veciños/as da nosa comarca, que non por capricho, senón porque llo permite a normativa, teñen que acudir ao Carballiño para facer actividades esenciais como a compra de alimentos, productos farmacéuticos e de primeira necesidade.

A interpretación dunha orde de restrición como a actual non se pode facer nunca de forma ampla, pois nun estado de dereito como o que temos, se debe procurar que a liberdade das persoas sexa unha prioridade por ser un dereito constitucional, e porque se se quixera facer a orde máis restritiva, xa se redactaría de forma expresa nela.

Son moitas as persoas da nosa comarca que pretenden acceder ao Concello do Carballiño para actividades que están perfectamente xustificadas dentro das consideradas como esenciais. Non obstante, están sendo obrigadas a dar a volta, incluso con recomendacións de dirixirse a outros lugares, dificultando así a súa vida, sinxelamente por un exceso de celo á hora de facer cumprir unha normativa.

Acaso no é esencial vestirse, calzarse, encher o depósito do coche, incluso comprar peixe fresco, unha simple bombilla…? E moitas outras cousas que non sempre se poden facer no lugar de residencia de moita xente da nosa comarca?

Por que ese empeño en ser máis restritivo que a propia norma?

Estanse tirando pola borda moitas das iniciativas do comercio local, pois a todas estas persoas da nosa comarca estáselle invitando implicitamente a tirar da compra online. O máximo responsable desta situación é o noso Alcalde do Carballiño.

Esperamos que o señor Fumega poña o traxe de Alcalde, isto é, o de Autoridade, e transmita órdenes claras, públicas e transparentes á Policía local para que as faga cumprir.