Gabriel Alén traslada a Aspamadis a total colaboración da Xunta no traballo en prol da integración dos discapacitados intelectuais

O delegado da Xunta en Ourense agradeceu ao presidente da entidade, Manuel Martín,  o seu labor pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, trasladou ao presidente da Asociación de pais e nais de discapacitados intelectuais de Ourense (Aspamadis), Manuel Martín, a total colaboración do Goberno galego no traballo pola integración social e laboral das persoas con necesidades especiais. O representante do Goberno galego, que está a manter unha rolda de contactos cos distintos axentes económicos e sociais da provincia, aproveitou a xuntanza para agradecer o labor que a entidade está a levar a cabo en Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén analizou xunto ao responsable de Aspamadis o estado actual e os proxectos de futuro desta asociación de nais e pais, que ten como obxectivo a integración dos seus fillos no mercado laboral a través de ferramentas coas que poidan acadar unha oportunidade digna dentro dun porvir complexo. O delegado territorial animou ao representantes da entidade a seguir traballando pola inclusión e o desenvolvemento individual das persoas con necesidades especiais.